Arquivo da categoría: Curso Actual

CHARLA SOBRE TÉCNICAS DE ESTUDO PARA AS FAMILIAS

O vindeiro luns, 15 de abril, ás 19:00 h. terá lugar no instituto unha charla sobre técnicas de estudo dirixida ás familias do noso alumnado e impartida por Belén Pérez Sanmartín, pedagoga do Gabinete psicopedagóxico Eleeméntal de Perillo. A actividade, organizada e subvencionada pola ANPA Arce do noso centro, ten o obxectivo de informar e dotar ás familias dalgunhas das ferramentas de estudo, organización, planificación do traballo, concentración, etc. sobre as que versaron os talleres de técnicas de estudo impartidos pola mesma profesional a diversos grupos da ESO ao longo do curso. Deste xeito, preténdese que se poida reforzar o uso de ditas ferramentas na casa e facelas máis efectivas para o beneficio do noso alumnado. Agardámosvos!

PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA LINGÜÍSTICA

Nas vindeiras semanas terán lugar as probas de acreditación da competencia lingüística en Francés e Inglés, para as que un número elevado do noso alumnado recibiu as axudas concedidas pola Consellería.
O alumnado interesado xa foi informado en detalle das datas, horas e lugares de celebración, así como das características das probas respectivas e da documentación que teñen que levar para presentarse a elas. Pero a través desta nova preténdese transmitir ao conxunto da comunidade educativa a información básica:
– Probas de Inglés (Niveis B1, B2 e C1): Terán lugar os días 16 e 17 de abril a partir das 15:50 h. (agás o alumnado que se presenta ao nivel C1, que fará unha parte da proba o día 16 pola mañá). Realizaranse no noso instituto.
– Probas de Francés (Delf Scolaire, Niveis B1 e B2):
O exame oral terá lugar o venres, 19 de abril, pola mañá no noso centro.

Seguir lendo PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA LINGÜÍSTICA

Actividades co alumnado

Nestes días realizáronse  diversas actividades con alumnado do Neira.

Sesións de defensa persoal impartidas ao alumnado de 4º ESO e 1º de BACH, organizadas pola ANPA en colaboración co Departamento de EF do noso centro. Esta foi a primeira sesión das tres das que consta o breve cursiño introdutorio que imparten a xente da Asociación Galega de Bujutsu Sosei.

Encontro coa escritora Antía Yáñez no auditorio da Fábrica, quen lles falou este martes ao alumnado de 3º ESO da súa obra Non penses nun elefante rosa e doutros títulos da súa produción.

Sesións enmarcadas no Programa para o fomento da lectura que ofrece a Biblioteca de Rialeda, a onde acudiu o noso alumnado de 2º ESO para escoitar a Charo Pita contando varios dos relatos mitolóxicos incluídos nas Metamorfoses, de Ovidio.

DE LUÍSA VILLALTA A ANTÍA OTERO

Da man da poeta Antía Otero chegou, no Día da Poesía (21 de marzo), a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024, Luísa Villalta, ás aulas de primeiro de Bacharelato en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, de Apiario e dos departamentos de Dinamización Lingüística e de Lingua Galega e Literatura do noso centro.

Na primeira parte da sesión, A. Otero achegounos non só á poesía de Luísa Villalta senón, tamén, ao sentir poético e animounos, na segunda parte, a construír o noso propio texto. Escoitamos música, lemos poemas, achegámonos un chisquiño máis ao pensamento literario de Luísa Villalta e, incluso, percorremos coas poetas o camiño da creación. E, sobre todo, celebramos por todo o alto o Día da Poesía!

FALANDO CON ZENZAR: MÚSICA E LINGUA

O martes 19 de marzo o alumnado de 3º e 4º da ESO gozou dunha mañá moi especial, na Fábrica de Perillo, en que a música, a lingua, a ilustración e as ganas de pasalo ben fixeron que quedasemos con ganas de máis! Grazas ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros e en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística e co Departamento de Lingua Galega e Literatura do noso instituto, puidemos coñecer o proxecto Músicas Ilustradas de Laura Romero, reflexionamos sobre o papel das mulleres na música galega e, tamén, sobre a importancia da nosa lingua como elemento dinamizador e imprescindible nunha cultura.
Nestoutro proxecto en que participamos, #aquitamensefala, hai algunhas cancións de Zenzar. Animámosvos a escoitalas porque seguro que vos gustan tanto como a nós!

CONVOCATORIA DA PROBA EXTERNA DE BACHIBAC PARA O CURSO 2023-24

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa vén de publicar a convocatoria da proba externa do programa de dobre titulación de bacharel e baccalauréat (Bachibac) para o curso académico 2023-24 e de ditar instrucións para o seu desenvolvemento, que se poden consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42621.
O alumnado de 2º Bacharelato que cursa este programa deberá inscribirse na proba externa, presentando o anexo II no centro, entre os días 2 e 8 de abril. A proba externa terá lugar os días 6 e 7 de maio, segundo o horario e instrucións que se recollen no mesmo documento.

AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO PARA O ALUMNADO DE 2º ESO

En cumprimento da nova lei educativa estatal, este curso está previsto en todas as comunidades autónomas a realización das probas da avaliación de diagnóstico para o alumnado de 4º curso de educación primaria e 2º curso de educación secundaria obrigatoria. No caso de Galicia, terán lugar os próximos días 10 e 11 de abril.

Polo tanto, no noso centro todo o alumnado de 2º ESO terá que realizar estas probas, que non teñen ningún efecto académico para o alumnado, senón que perseguen o obxectivo de avaliar o grao de adquisión das competencias matemática e en comunicación (lingua galega, lingua castelá e inglés) para poder mellorar a calidade do sistema educativo.

Podedes atopar máis información no documento publicado aquí debaixo:

Seguir lendo AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO PARA O ALUMNADO DE 2º ESO

Fin do segundo trimestre

O alumnado de 2º e 3º ESO despediu o segundo trimestre entre risas acudindo á representación da comedia latina Mostellaria, que tivo lugar no Auditorio da Fábrica o venres 22 de marzo e foi posta en escena pola compañía Corzo Producciones.

Ese mesmo venres, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH foi convidado polo Servizo de Asistencia Técnica en Igualdade do Concello de Oleiros a presenciar no auditorio de Mera presenciou a representación da peza teatral Feminíssimas, da compañía De Ste Xeito.

 

 

 

Continúa o Intercambio Lingüístico e Cultural co IES Perdouro de Burela e chega a quenda de coñecer esta vila mariñeira!

O alumnado de segundo da ESO do noso instituto foi recibido no centro educativo de Burela polas persoas coas que xa levan seis meses escribíndose no marco do intercambio organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, co apoio do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

Seguir lendo Continúa o Intercambio Lingüístico e Cultural co IES Perdouro de Burela e chega a quenda de coñecer esta vila mariñeira!