Arquivo da categoría: Actividades

VIAXE DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN VANNES

Do 15 ao 23 de febreiro o alumnado de Bachibac 1 realizou unha estadía de inmersión lingüística no Lycée Saint François-Xavier de Vannes, segundo se contempla no plan de estudos deste programa de dobre titulación Bacharelato-Baccalauréat.
Ao longo destes días, o noso alumnado acudiu regularmente a clases no lycée bretón e viviu coas familias dos seus “correspondants”. Asemade, puido realizar diversas actividades e saídas extraescolares, incluíndo as excursións ao Mont Saint-Michel e a Rennes e a visita guiada polo centro histórico de Vannes, na que tivo mesmo o privilexio de visitar o edificio histórico da casa do concello desta localidade.
Desde o Neira Vilas queremos agradecer á comunidade do Saint François-Xavier e, moi especialmente á profesora Élodie Quidu, así como ao alumnado francés e as súa familias, pola amable acollida e a magnífica oportunidade de inmersión na lingua e na cultura francesas que nos brindaron. Agardámosvos en Perillo ao comezo do curso que vén para completar este intercambio escolar.

FELIZ ENTROIDO!

No noso centro demos a benvida ao Entroido por todo o alto o venres 9 de febreiro. A celebración incluíu un obradoiro de elaboración e degustación de filloas e crêpes, unha recreación do tradicional oso de Salcedo, un certame de testamentos de Entroido, os mandamentos do Meco durante toda a semana, diversas actuacións do alumnado e un espectacular baile final do profesorado. Grazas a todos/as pola vosa participación!

O pase de diapositivas require JavaScript.

ENCONTRO DO PROXECTA “CORRESPONDENTES XUVENÍS”

O pasado 15 de decembro os Correspondentes Xuvenís do Neira Vilas asistiron ao primeiro encontro con outros Correspondentes da provincia da Coruña. Esta xornada tivo lugar no albergue Marina Española de Sada. O obxectivo da mesma foi coñecer a outros rapaces e rapazas que están facendo o mesmo noutros centros educativos. Ademais tiveron varias formacións sobre oratoria e sobre intelixencia artificial. Por último, tiveron que poñer en práctica o aprendido cun pequeno proxecto que fixeron por grupos, mesturados con persoas doutros institutos.

Actualmente, os participantes neste proxecta, baixo a coordinación da profesora Cristina Vázquez Castro, están creando unha conta de Instagram que utilizarán para publicar e anunciar avisos importantes, de distintos tipos de actividades, proxectos, concursos, etc., á rapazada do instituto.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Intercambio con Burela

Realizouse a primeira parte do Intercambio con Burela que puxo en marcha o Equipo de Dinamización da Lingua Galega en estreita colaboración co Departamento de Lingua Galega e gran apoio da Concellería de Cultura do Concello de Oleiros. Nesta actividade participou o alumnado dos tres 2º ESO do noso centro e máis outros sesenta alumnos dese mesmo curso do IES Perdouro de Burela.

PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA EDUEXCHANGES

O noso centro resultou seleccionado para participar no programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2023/2024, segundo se recolle na resolución definitiva que se pode consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/es/node/40630.

A axuda económica concedida ao abeiro deste programa, enmarcado na Estratexia Galega de linguas estranxeiras Edulingüe 2030, destinarase a financiar o intercambio do alumnado de 1º Bacharelato que cursa o programa Bachibac co lycée Saint François-Xavier de Vannes. Dito intercambio terá lugar do 15 ao 23 de febreiro.

Este xoves, 18 de xaneiro, celebrarase no centro unha reunión coas familias do alumnado implicado para informar de todas as cuestións relativas á organización do intercambio.

PUNTO VIOLETA DO CONCELLO DE OLEIROS

Con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o 25N, o pasado venres 24 de novembro o Concello de Oleiros instalou un Punto violeta no noso instituto para achegar ao alumnado información e reflexións sobre as violencias sexuais, o consentimento ou a influencia do porno na adolescencia. Asemade, os grupos de 4º ESO e 1º Bacharelato puideron participar nos obradoiros que sobre estas temáticas foron impartidos ao longo da mañá.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Fotografías realizadas polo Concello de Oleiros.