Xosé Neira Vilas

Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas na inauguración do centro
Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas na inauguración do centro

Xosé Neira Vilas naceu en 1928 en Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, no seo dunha familia labrega. A Galiza da época non foi capaz de darlle formación: os seus estudos de comercio tivo que facelos por correspondencia, e durante cinco anos traballou nas oficinas dun serradoiro. Igual que tantos galegos do seu tempo, con vinte e un anos emigra a Buenos Aires, onde terá varios empregos. A súa aparición na América do Sur sérvelle, sobre todo, para ampliar grandemente as súas perspectivas e posibilidades nos moi variados campos da cultura que, por desgraza, na Galiza da súa infancia e mocidade, pertencendo ao medio social en que lle tocara nacer, lle resultaban totalmente alleos.

Cando chega a Buenos Aires aínda vive Castelao. A urbe ofrécelle moitas oportunidades que a patria lle negara, e alí Neira Vilas continúa estudando, comercio, xornalismo,música, literatura…, e accede a lecturas extraordinariamente variadas Contra o que cabería agardar, a distancia xeográfica e cultural non só non anulan nel a lembranza de Galiza, senón que é en Buenos Aires, ao abeiro desa bonanza, onde cobra conciencia da identidade de Galiza e dos galegos. Nas súas propias recordacións atribúe esa recuperación ao seu «contacto, sobre todo, cos intelectuais do exilio: Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela». Convértese nun afervoado activista a prol da cultura galega en todos os seus campos, participa na re-fundación das Mocedades Galeguistas (1953), para as que codirixe a publicación Adiante, forma parte da comisión que organiza o Primeiro Congreso da Emigración Galega, involúcrase en moi variadas iniciativas culturais nas dúas beiras do Río de la Plata, isto é, non só en Buenos Aires, senón tamén en Montevideo, con frecuentes colaboracións na prensa galega daquelas terras.

En 1957 Xosé casou con Anisia Miranda, escritora cubana exiliada, que de contado chegará a coñecer ben a lingua galega. A parella funda Follas Novas, unha empresa editorial e libreira co obxectivo de difundir o libro galego entre os nosos emigrados en América. En 1960 comeza o que sería un dilatado período creativo, porque nese ano publica Neira Vilas o seu primeiro libro, o poemario Dende lonxe, aínda que a poesía terá moitísimo menos peso na súa obra que a narrativa: precisamente a súa primeira novela, a autobiográfica Memorias dun neno labrego, que aparece ao ano seguinte, convértese nun fito da literatura galega do terceiro cuarto do XX, punto de referencia obrigada, no grande best-seller do seu tempo en galego, esgotando edición tras edición e traducíndose a moitas linguas.

No mesmo 1961, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas asentan en Cuba, onde a revolución, xa consolidada, suscita grandes esperanzas. Para o escritor foi unha época de plenitude, de actividade aínda máis intensa que a que desenvolvera na Arxentina. Traballa para a administración pública, estuda na Facultade de Filosofía e Letras da Habana, e compaxina todo coa creación esporádica, facendo xornalismo literario e escribindo contos para os nenos cubanos. Fundou (1969) a Sección Galega dentro do Instituto de Literatura e Lingüística, dirixíndoa até 1991, mais tamén foi alto funcionario do Ministerio de Industria Básica. Desde 1983 até a xubilación foi redactor-xefe de Zunzún, revista infantil, fundada por Anisia.

En 1992 Xosé Neira Vilas retorna a Galiza: a parella asenta en Gres, no lugar natal de Xosé, onde crea a Fundación Cultural Xosé Neira Vilas. A Universidade da Coruña investiuno doutor Honoris Causa, a Real Academia Galega acolleuno en calidade de numerario, recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Ouro de Honra e mereceu varios Premios da Crítica: da Española, na sección narrativa, e mais o Premio da Crítica Galega na especialidade ensaio.

OBRA

Até o momento presente, a maior parte da súa obra en galego escribiuna Neira Vilas en Cuba. O corpus principal fórmao a narrativa, xa sexa novela ou coleccións de contos, e dentro del ocupan lugar preferente os relatos para nenos. Varias das súas obras vertéronse a outras linguas, e entre todas a que máis traducións mereceu foi Memorias dun Neno Labrego: no instituto está exposta unha completa colección de versións desta novela a outros idiomas. Se a poesía, sempre comprometida e de denuncia, ocupou pouco do seu extenso labor creativo, o ensaio, polo contrario, é parte fundamental del, moi en especial aqueles estudos que se centraron na actividade dos nosos emigrados, que investigou tanto en Cuba como, antes, na Arxentina.

A lista que segue non inclúe os numerosos relatos e poemas aparecidos dentro de libros colectivos

NARRATIVA

  • A muller de ferro
  • Aqueles anos do Moncho
  • Camiño bretemoso
  • Cartas a Lelo
  • Memorias dun neno labrego
  • Charamuscas
  • Historias de emigrantes
  • Lar
  • Nai
  • O home de pau
  • Pan
  • Querido Tomás
  • Relatos mariñeiros
  • Remuíño de sombras
  • Tempo novo
  • Xente no rodicio
  • O ciclón (dixital)

Literatura INFANTIL

  • A marela Taravela
  • Cantarolas e contos prá xente miúda
  • Chegan forasteiros
  • Contos vellos para rapaces novos
  • De cando o Suso foi carteiro
  • Espantallo amigo
  • O cabaliño de buxo

POESÍA

ENSAIO

  • A lingua galega en Cuba
  • A prensa galega de Cuba
  • Castelao en Cuba
  • Crónicas galegas de América (Roldas primeira, segunda e terceira)
  • Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires
  • Galegos no golfo de México
  • Galegos que loitaron pola independencia de Cuba
  • Guerrilleiros
  • Manuel Murguía e os galegos da Habana
  • Memoria da emigración (I, II e III)
  • Rosalía de Castro e Cuba
  • O sarillo do tempo
  • Prosas Varias
  • Xentes e camiños