Arquivos da etiqueta: #NeiraNunDía

HUMANO

logo_humano_presentacionVen sendo tradición que o último día do primeiro trimestre se convirta nunha exaltación do #OrgulloNeira, coa colaboración sempre magnífica entre alumnado e profesorado para dar saída aos produtos finais dos proxectos interdisciplinares de cada ano.

O 21 de decembro de 2016, unha programación multidisciplinar que contou coa colaboración da totalidade de departamentos do IES Plurilingüe Neira Vilas puxo en marcha unha xeira que incluíu:

1) a xincana #NeiraNunDía (coa realización de actividades diversas, coordinadas polo alumnado de 1º Bacharelato e 3º ESO, incluíndo probas lingüísticas, matemáticas, físico-químicas, deportivas, artísticas, xeográfico-históricas, de baile e científicas -coa especial elaboración de cocktails sen alcohol-);

2) o concurso #NeiraMannequin, no que participaron todos os grupos de ensino secundario obrigatorio, e finalmente gañado polo alumnado de 1º ESO da materia “Investigación e tratamento da información”;

3) o espectáculo #Humano, no que a participación do alumnado foi ben variada e diversa, con presentacións sobre o ser humano explorador, as teorías da poboación [texto], a evolución humana, os dereitos humanos, as diversas teatralizacións sobre a torre de Babel e o especificamente humano, a leitura de poemas en linguas estranxeiras. Para finalizar o espectáculo, a música tomou corpo con interpretacións do recente premio Nobel de Literatura Bob Dylan (“Blowin’ in the wind” e “Don’t think twice,…”), o rap -que volve con forza a este centro despois de anos de espera-, e unha panxoliña de Nadal que xa se está a converter nun clásico no noso centro educativo: “Nadal de Luintra”. Consultade a presentación do acto e ollade o video introdutorio.

Agradecemos a colaboración de toda a comunidade escolar neste día no que todos contribuímos a realizar unha obra tan coral. Non será a última, de seguro, mais agora convén felicitarnos pola extensísima participación deste ano. “Traballar en equipo divide o traballo e multiplica os resultados”. Grazas.