Crónica Bretona

Grupo de Intercambio
Grupo de Intercambio

Narrar un intercambio desde a distancia permite só describir pequenas sensacións, porque as grandes sensacións están reservadas para os protagonistas, 26 alumnas e alumnos que -en compañía doutros 31 do IES Puga Ramón, Isabel, Carolina, Paz e monsieur Vidal- experimentan 24 horas sobre 24 a estadía en Vannes, nas casas dos seus “correspondants”, no collège, na praza,…
Por iso esta narración ten que ser por forza fragmentaria. Unha viaxe longa, iniciada en noite de domingo, rematou con ben chegando a Vannes na tarde do luns 15 de marzo. Ao día seguinte, cumprindo o programa, o grupo diríxese aos milenarios campos de megalitos de Carnac. E velaí a primeira fotografía de conxunto que nos transmite Antía: é a dun día soleado que amence fresco (MétéoFrance indicaba mínimas de 3ºC para esta zona de Bretaña) e resultará agradable durante toda a xornada. Nesta fotografía de grupo dá amparo contemplar como monsieur Vidal e o grupo de “veteranos” de intercambio de 4º ESO protexen aos que por primeira vez participan na experiencia, un pouco cegados por ese sol matutino que lles dá de cara, saíndo por onde sempre sae -polo Leste, facendo que as sombras dos fotógrafos -que non as dos cipreses, que diría Delibes- sexan alongadas-. Lamento non ver a faciana de María Ramil, mais estou seguro de que está a disfrutar como os demais.
E teño que dicir que este mércores ían ao museo da prehistoria de Vannes (que tal se comportaría o alumnado-guía? Estou ben seguro de que estiveron á altura). Aquí seguimos, desde lonxe, agardando máis novas.
Cóntanos Lucía que o mércores 17 foron ao mercado para cubrir o apartado do seu traballo de cotexar prezos dos distintos alimentos. E despois disfrutaron do tempo libre. O xoves 18 tivo lugar a visita a Vannes, e pola tarde, en lugar de que os nosos ciceróns se lucisen explicando a préhistoire bretonne, Mme. Le Blay preparoulles un rallie pola cidade para coñecer a fondo a cidade (todas as vilas se coñecen mellor a pé e preguntando aos nativos). Venres 19 partiron cedo cara a Mont Saint-Michel, na que os ciceróns de 4º ESO se explaiaron a conciencia, demostrando claramente o seu avezado coñecemento da abadía, da merveille au bord de la mer.
Sábado e domingo en familia, luns 22 en clase au collège. Xa din adeus a Vannes, à bientôt, xa marchan cara a París.

Fotos enviadas desde Vannes