Ao longo dos meses de febreiro e marzo de 2008 tivo lugar no IES Neira Vilas o desenvolvemento do proxecto interdisciplinar “Darknesscuridade”, unha reflexión sobre a obra de Joseph Conrad “O corazón das tebras” e o contexto histórico no que se desenvolve.
Á lectura e análise da obra de Conrad na asignatura de Literatura Universal Contemporánea (1º Bacharelato) engadíuse a de fragmentos da mesma nas clases de linguas estranxeiras. E tamén o visionado do vídeo “Genocide au Congo”, orixinalmente en francés. As actividades incluiron asimesmo o visionado e análise da película de Coppola “Apocalypse Now”, así como dúas exposicións: unha bibliográfica, levada a cabo na biblioteca do centro escolar coa colaboración da biblioteca Ría Leda, e outra fotográfica –no corredor inferior do IES- a base de imaxes históricas comentadas, referentes á colonización do Congo a finais do século XIX e comezos do século XX. E queda por citar a interpretación plástica que dalgúns gravados ou creacións propias realizaron varios alumnos para incluir nesta exposición fotográfica.
As actividades remataron cun acto final multidisciplinar, consistente nun maratón de lectura que se realizou o venres 28 de marzo, entre 10.30 e 12.10 horas no Salón de Actos do IES Neira Vilas. Permitídenos que poñamos énfase neste acto final, que tentemos recrear a súa atmosfera.
O salón de actos está a rebosar, cinco cursos de distintos niveis educativos están expectantes ante un escenario no que, cunha música que fusiona os cantos gaboneses cos concertos de Bach, se presenta un panel co título da novela de Conrad nas nove linguas en que terá lugar a lectura: inglés, castelán, galego, francés, ruso, portugués, xaponés, chinés e italiano. Unha boa mostra da interculturalidade existente no IES Neira Vilas. E Miguel Trobo introdúcenos na primeira parte do acto. Temos aquí a Marlow, temos ao profesor Pepe Couce que se transmutou no protagonista da obra de Conrad. E empeza a debullar a historia, un monólogo tecido de explicacións breves para ambientala na súa realidade auténtica, co trasfondo do imperialismo detrás.
A segunda parte do acto protagonízao o alumnado que, dun xeito organizado e armonioso, ascende en grupos de 5 ou 4 ao escenario para lernos fragmentos da obra de Conrad en distintos idiomas. Velaí que ascende Saray para iniciar a lectura na lingua orixinaria da obra, o inglés, e un tras outro van intercalándose alumnas e alumnos que len en castelán, galego, francés, portugués,… O alumnado de 1º ESO intégrase co de 1º de Bacharelato, séntese arroupado por el, e o de 3º ESO le á beira do alumnado de 2º Bacharelato en perfecta armonía. E aqueles fragmentos en ruso, xaponés ou chinés que leron Vladimir, Sara e Dong impactan nun público que aplaude todas as intervencións. En total foron 47 alumnas e alumnos, arroupadas polo profesor de Filosofía co seu monólogo e por Nacho Taibo co seu fragmento final en italiano, lembrando as tebras nas que debía estar envolto Londres cando chegaran alí os romanos.
Mais aínda queda a sorpresa final, porque Adrián Bello sube ao escenario e interpreta en directo este rap composto por el e titulado “El alma de la selva”, un tema no que fusiona as reflexións sobre a obra de Conrad, a película de Coppola, os versos de Manrique e as verbas do Che Guevara cando combateu pola descolonización do Congo. É un poema de gran forza, que sirve para rematar este acto.
En conxunto, “Darknesscuridade” implicou directamente a 60 alumnos e 12 profesores. Indirectamente, moitos máis. Grazas a todas e todos.