“O EQUIPO DE MEDIACIÓN E CONVIVENCIA NO CENTRO ESCOLAR” foi o tema central da experiencia de intercambio e formación entre iguais entre o I.E.S. X. Neira Vilas e o I.E.S. Poeta Díaz Castro.
Unha posibilidade que promoveu e fixo posible o programa Axenda 21 Escolar de Galicia. O encontro persoal e a educación entre iguais son os seus principais valores, ademais da propia mediación. Os membros do equipo de convivencia e mediación fixeron un esforzo importante para ser “comunicadores”, “educadores” e “compañeiros entusiastas” dun grupo interesado – dezaseis rapaces e rapazas – do centro Lucense. Aproveitaron a oportunidade seis compañeiras de 1º de ESO do noso centro participando como “aprendices” de mediadoras. (Teresa López Velo, Catalina Bernot Hernández, Nuria Buño Golán, Laura Carro Sabio e Damaris Fernández Pumar)
A iniciativa partiu dos compañeiros e compañeiras de Guitiriz. Con eles compartírase a estadía nacasa rural-ecolóxica de “Alvarella” a finais do curso pasado. Gozaran deste premio recoñecido polos responsables da A21 Escolar de Galicia polo traballo desenvolvido nos dous institutos a prol dun mundo mais sostible. O alumnado do Neira Vilas foi agasallado polo traballo de varios anos e varias xeracións de mediadores e mediadoras. Tamén pola brillantez coa que o equipo do curso 2008-09 expuxo o seu traballo no encontro de Pontevedra “O alumnado é protagonista” – no marco da A21EG -.
O “curso” dividiuse en dúas xornadas: na primeira, o 20 de abril, foi o centro Oleirense o anfitrión. De 10 a 13 horas da mañá, no Salón de Actos do centro, tras unha presentación “regulamentaria” de tódolos asistentes, desenvolveuse o programa: O conflito, preciso para medrar na vida; diferentes modos de afrontar un conflito: asertivo, pasivo e violento; a vía da mediación: momentos da mediación e habilidades sociais necesarias para todo mediador. Cada momento foi dinamizado por membros do equipo de convivencia existente e Perillo: Lidia Candal Suárez, Adrián Freire Rodriguez, Marta Sánchez Méndez, Sara Sánchez Roma, Macarena Farias, Laura Vázquez, Estefanía Torres Esquivel e Laura Grobas. Empregáronse dinámicas de grupo para tratar cada un dos apartados. Os momentos de lecer foron tamén intensos e coidados: a parada a media mañá fixo famosa a tortilla do noso cantineiro Pablo en todo Guitiriz; e a mañá pechouse cun paseo de amigos e amigas pola praia de Santa Cristina.
Entre a 1ª e a 2º xornada o “tuenti” colapsouse na súa autoestrada virtual entre Perillo e Guitiriz… había que afianzar conceptos e amizades.
Na segunda xornada, o 25 de maio, foi o alumnado da Terra Chá quen acolleu ao grupo de mariñáns que foron alá. Decidiuse que fose todo o grupo, non so os máis directamente implicados na mediación, para facer tamén balance do ano académico e pasar o día xuntos convivindo. Sumáronse entón aos xa coñecidos: Sara Castro, Lucía Rodríguez, Lidia Sotorríos, Alejandro Nogueira, Sergio Ceán, André Luis Araujo, Álvaro Cadavieco, Fernando Romero, Nicole Barros, Martín Mejuto, Sergio Roget, Jesica Valadares, Leila Mejuto… A temática permitía facer isto xa que esta segunda foi unha xornada sobre cuestións organizativas: como se aborda un conflito nun centro sen mediación e como con mediación?; a posta en marcha do equipo de convivencia e mediación curso a curso ? E as liñas de traballo que tentou desenvolver no Neira Vilas o Equipo: a mediación en conflitos; a coidado medio-ambiental – reciclaxe, punto limpo, aforro… -; o acompañamento aos novos – asignando un compañeiro o u compañeira aos alumnos que chegan novos ao centro -; asesoría aos delegados e delegadas – mediante “auditorías” sobre a marcha dos distintos grupos -; observatorio da convivencia – detectando problemas e facendo un seguimento da saúde da convivencia no centro con reunións periódicas coa Xefatura de Estudos e Orientación…-. Precisamente na avaliación destas liñas participaron activamente aqueles que non estaban directamente involucrados en mediación. O tempo de lecer non foi menos importante: Parada a media mañá para saborear unhas empanadas moi ricas de carne e de bonito; comida na ribeira do río Parga, no lugar dos “Sete Muíños” – piscina fluvial de Guitiriz – con algún susto pola chuvia; e tarde de paseo e “bares” polo centro de Guitiriz tamén facendo máis amigos; ate houbo quen andou uns quilómetros polo monte ate Pardiñas – lugar de soa polo seu festival folck e o seu vello balneario -.
A valoración foi positiva por parte dos dous grupos. Agardando unha mais sisuda e pausada é unha constatación o enriquecemento do intercambio entre compañeiras e compañeiros de distinto centro e diferente nivel educativo. Tamén dá xogo a mediación como dramatización alternativa da vivencia dun conflito: inventar o alternativo á labazada, a declaración de guerra ou á imprescindible intervención do Leviatán Hobbesiano. A crítica maior que admite todo isto é precisamente a súa fraxilidade, a súa caducidade nun tempo onde a vida dos rapaces e rapazas “vai de paso”, na súa frescura de “leña verde …que todo e fume…”, vaia, como case todo en educación.