Arquivos da etiqueta: IES Puga Ramón

Crónica Bretona

Grupo de Intercambio
Grupo de Intercambio

Narrar un intercambio desde a distancia permite só describir pequenas sensacións, porque as grandes sensacións están reservadas para os protagonistas, 26 alumnas e alumnos que -en compañía doutros 31 do IES Puga Ramón, Isabel, Carolina, Paz e monsieur Vidal- experimentan 24 horas sobre 24 a estadía en Vannes, nas casas dos seus “correspondants”, no collège, na praza,…

Por iso esta narración ten que ser por forza fragmentaria. Unha viaxe longa, iniciada en noite de domingo, rematou con ben chegando a Vannes na tarde do luns 15 de marzo. Ao día seguinte, cumprindo o programa, o grupo diríxese aos milenarios campos de megalitos de Carnac. E velaí a primeira fotografía de conxunto que nos transmite Antía: é a dun día soleado que amence fresco (MétéoFrance indicaba mínimas de 3ºC para esta zona de Bretaña) e resultará agradable durante toda a xornada. Nesta fotografía de grupo dá amparo contemplar como monsieur Vidal e o grupo de “veteranos” de intercambio de 4º ESO protexen aos que por primeira vez participan na experiencia, un pouco cegados por ese sol matutino que lles dá de cara, saíndo por onde sempre sae -polo Leste, facendo que as sombras dos fotógrafos -que non as dos cipreses, que diría Delibes- sexan alongadas-. Lamento non ver a faciana de María Ramil, mais estou seguro de que está a disfrutar como os demais.

E teño que dicir que este mércores ían ao museo da prehistoria de Vannes (que tal se comportaría o alumnado-guía? Estou ben seguro de que estiveron á altura). Aquí seguimos, desde lonxe, agardando máis novas.

Cóntanos Lucía que o mércores 17 foron ao mercado para cubrir o apartado do seu traballo de cotexar prezos dos distintos alimentos. E despois disfrutaron do tempo libre. O xoves 18 tivo lugar a visita a Vannes, e pola tarde, en lugar de que os nosos ciceróns se lucisen explicando a préhistoire bretonne, Mme. Le Blay preparoulles un rallie pola cidade para coñecer a fondo a cidade (todas as vilas se coñecen mellor a pé e preguntando aos nativos). Venres 19 partiron cedo cara a Mont Saint-Michel, na que os ciceróns de 4º ESO se explaiaron a conciencia, demostrando claramente o seu avezado coñecemento da abadía, da merveille au bord de la mer.

Sábado e domingo en familia, luns 22 en clase au collège. Xa din adeus a Vannes, à bientôt, xa marchan cara a París.

Fotos enviadas desde Vannes

Intercambio Escolar

París
París

Do 24 de marzo ao 4 de abril de 2009 tivo lugar o 1º Échange co centro francés de Nôtre Dame Le Ménimur (Vannes – Bretaña – Francia), no que participaron 22 alumnas/os de 2º, 3º, 4º ESO e 1º de Bacharelato. O intercambio tivo lugar acompañando a outras/os tantas/os alumnas/os do IES Puga Ramón, que se intercambiaban con alumnado da mesma localidade, mais do centro de St François Xavier. Ás cinco da tarde do 25 de marzo, o autobús que nos levaba chegou á capela de St Gwenn, onde xoves practicantes de rugby agardan ao transporte respectivo xogando con balóns oblongos. E, mentres tanto, 44 estudantes descenderon un tanto atemorizados, inquedos, nervosos, ante a chegada inminente dos seus “correspondentes” bretóns. Moitas historias individuais arrancaron nese intre, sempre para lembrar.

O xoves 26 visitamos o Museo Arqueolóxico de Vannes, que expresamente abría as súas portas ás nove da mañá para que poidésemos observar, no primeiro piso, restos arqueolóxicos excavados no Morbihan, que delatan os cambios culturais da prehistoria nestes lugares; á saída, Julien contounosos grosso modo a historia de Vannes enlazada á de Bretaña (as orixes galorromanas de Darioritum, as primeiras murallas para defenderse das invasións xermánicas, o retroceso do mar ata o nivel do actual porto, a creación das murallas baixomedievais, o traslado temporal do parlamento bretón desde Rennes durante o reinado do Roi Soleil, a chegada do ferrocarril no século XIX, a liberación polos norteamericanos da vila en agosto de 1944,…) e levounos coñecer os modelos de casas góticas do século XV, unha casa renacentista do XVI, a catedral, as portas das murallas, os vellos lavadeiros reconstruidos no XIX,… Unha mañá de paseo histórico pola vila abríu o camiño a comer cedo -horario europeo, estabamos en Francia- e ser recibidos ás dúas da tarde na casa do concello, onde aos agasallos se engade unha bebida co verre de l’amitié tras a proxección dun video que incidía na recuperación do interese polo mar por parte da cidade que nos acolle. O programa do día incluíu acudir ás clases do lycée e contactar coa vida académica francesa.

Carnac
Carnac

O venres 27 fixemos unha excursión cara ao Norte, pasando por Dinan, Saint-Malo e Mont Saint-Michel, xa na Normandía. Dinan ten un casco histórico medieval ben conservado, que deixamos para chegar a mediodía á desembocadura do Rance, a unha cidade bombardeada en 1944 e en grande parte reconstruída -a cidade fortificada de Saint-Malo-, exposta aos ventos e chea de eventos náuticos, patria pequena de Chateaubriand e punto de partida do explorador de Canadá Jacques Cartier. A choiva impediunos case saír do autobús para comer, mais respetou a nosa chegada ao Mont St-Michel, coa enorme agulla sobre a que se colga a imaxe do arcanxo inundando a visión do horizonte; as pingas de auga salgada baten contra as fortificacións da abadía, na que atopamos o refuxio austero da basílica, o claustro, o refectorio, as criptas e o resto de arquitecturas da Merveille. Finalmente regresamos de noite a Vannes, con máis experiencias na mente.

O fin de semana en familia deixou liberdade para as experiencias individuais. Mais somos conscientes de que parte do alumnado ten visitado o mercado matinal na place des Lices e se tivo familiarizado coas costas recurtadas do golfo de Morbihan.

Na mañá fría do luns 30 de marzo, o autobús levounos cara ao Oeste. Os grandes menhires de Kermario, en Carnac, refulxían nas fiadas de varios km de pedras fitas de grandes dimensións alineadas de leste a oeste que descobren o percorrido astronómico do astro sol en diversas épocas do ano. Despois mercamos biscuits, liqueurs e souvenirs para as nosas familias españolas na Trinitaine, antes de chegar a pasear á cidade vella de Quimper. Kemper -en bretón “confluencia”-, ao borde do Odet e do Steïr, é a antiga Aquilonia, ben resgardada entre unhas murallas case totalmente destruídas, da que poucas casas anteriores ao século XVIII permanecen -houbo un grande incendio daquela, e despois moitas esculturas da catedral de Saint-Corentin tamén foron queimadas en tempos da revolución francesa-, é unha cidade agradable de pasear, na que tivemos ocasión de atoparnos coa “Visión despois do sermón” de Gauguin e outras alegorías bretonas -como a de Jean Brunet, que data de 1908- que nos lembran a importancia dos megalitos, a relixión e as cofias do pays bigouden na recreación destas terras. Grande tarde de sol, horas de crêpes e cidre, tarde de visita á catedral de Saint-Corentin, tan marcada pola desviación do eixo, evidente entre o coro e a nave.

Dinan
Dinan

O martes 31 de marzo estivemos en clase. Á tarde houbo unha homenaxe a Esther Iglesias, a falecida profesora do IES Puga Ramón -co que cooperamos, viaxamos e participamos no échange- que habitualmente viña cos seus alumnos a St François. E Adrián estivo alí para poñer “Negra sombra” no seu saxofón.

A partir de mércores quedáronnos días de lecer en París. Camiñamos polos Campos Elíseos, navegamos sobre as augas do Sena entre lusco e fusco, coñecemos a cidade na súa esencia (Nôtre Dame, Invalides, Campo de Marte, Arco de Triunfo,…), subimos á Tour Eiffel, ascendemos a Montmartre e divertímonos en Eurodisney. Grazas pola vosa participación. Foi un entusiasmo contar cun grupo de alumnas e alumnos estupendo.

Podedes ler e ver máis na crónica bretona do profesor Xosé Antón.

Tamén pode descargar un archivo [ 3,7 Mb] con máis fotos do intercambio.