O intenso programa de actividades desenvolvido neste días tivo un fermoso colofón cunha gala de música, teatro e danza.
No apartado musical os grupos de percusión de ESO 2º, 3º, 4º e BAC 1º, dirixidos por Jesús F. Llaneza, ofreceron un concerto con obras de Keofas, Novaro, Schumann, Suzhki, Thomas, Mozart, Beethoven e Abba xunto con tres cancións populares irlandesas.
A representación escénica correo a cargo da parella artística Carlos Martín e Carmen Cotelo que ofreceron unha escena da obra Anos 70. O vindeiro curso esta parella poñera en marcha un obradoiro teatral como actividade extraescolar.
Rematou a gala coa actuación do obradoiro de danza do Instituto que despertou un gran entusiasmo no público.
Unha nova promoción de 2º de Bacharelato rematou a súa formación neste nivel formativo e para eles organizouse o día 24 de maio o acto de graduación.
Abriu a celebración, que tivo lugar no salón de actos, o director Agustín Fernández cunhas palabras para sinalar a importancia do momento para os seus protagonistas e para o instituto. A continuación houbo un momento musical da man de Manuel Bode que dou paso ás intervencións das súas compañeiras e compañeiro de promoción Camila Bargados, Lucía Rodríguez e Martín Mejuto. Seguidamente tomaron a palabra X. Ignacio Taibo (en representación do profesorado), Pilar Ríos (en representación das familias) e Sandra Fernández (en representación do Concello).
O acto proseguiu coa entrega de diplomas de mediación a aqueles membros desta promoción que formaron parte do Equipo de Mediación e Convivencia, do diploma Club Los Leones de Oleiros cunha beca de cincocentos euros e das orlas a todos os membros da promoción. Os diplomas de mediación foron entregados por Jesús Fdez Llaneza. O diploma Club Los Leones foi entregado a María Ramil por Ricardo Gómez, en representación de dito club. As orlas foron entregadas por Elvira Sanz, Eduardo Álvarez e X. Ignacio Taibo.
Como remate do acto proxectouse unha montaxe audiovisual alaborada polo profesor Xosé Antón García que recolle a traxectoria desta promoción desde que chegaron ao noso centro. A celebración continuou coa plantación dunha laranxeira conmemorativa previa a un pequeno ágape e unha cea de confraternización.
Con motivo da partida ó seu país Brasil Claudiane foi homenxeada cunha cea sorpresa á que asistiron profesores e os seus compañeiros de cuarto curso. Despois na clase foille regalada unha camiseta coas fotos dos compañeiros, se lle entregou outra tamén ó seu irmán Kaike, de primeiro curso. Desexámoslles moita sorte no novo centro educativo no seu país.
“O EQUIPO DE MEDIACIÓN E CONVIVENCIA NO CENTRO ESCOLAR” foi o tema central da experiencia de intercambio e formación entre iguais entre o I.E.S. X. Neira Vilas e o I.E.S. Poeta Díaz Castro.
Unha posibilidade que promoveu e fixo posible o programa Axenda 21 Escolar de Galicia. O encontro persoal e a educación entre iguais son os seus principais valores, ademais da propia mediación. Os membros do equipo de convivencia e mediación fixeron un esforzo importante para ser “comunicadores”, “educadores” e “compañeiros entusiastas” dun grupo interesado – dezaseis rapaces e rapazas – do centro Lucense. Aproveitaron a oportunidade seis compañeiras de 1º de ESO do noso centro participando como “aprendices” de mediadoras. (Teresa López Velo, Catalina Bernot Hernández, Nuria Buño Golán, Laura Carro Sabio e Damaris Fernández Pumar)
A iniciativa partiu dos compañeiros e compañeiras de Guitiriz. Con eles compartírase a estadía nacasa rural-ecolóxica de “Alvarella” a finais do curso pasado. Gozaran deste premio recoñecido polos responsables da A21 Escolar de Galicia polo traballo desenvolvido nos dous institutos a prol dun mundo mais sostible. O alumnado do Neira Vilas foi agasallado polo traballo de varios anos e varias xeracións de mediadores e mediadoras. Tamén pola brillantez coa que o equipo do curso 2008-09 expuxo o seu traballo no encontro de Pontevedra “O alumnado é protagonista” – no marco da A21EG -.
O “curso” dividiuse en dúas xornadas: na primeira, o 20 de abril, foi o centro Oleirense o anfitrión. De 10 a 13 horas da mañá, no Salón de Actos do centro, tras unha presentación “regulamentaria” de tódolos asistentes, desenvolveuse o programa: O conflito, preciso para medrar na vida; diferentes modos de afrontar un conflito: asertivo, pasivo e violento; a vía da mediación: momentos da mediación e habilidades sociais necesarias para todo mediador. Cada momento foi dinamizado por membros do equipo de convivencia existente e Perillo: Lidia Candal Suárez, Adrián Freire Rodriguez, Marta Sánchez Méndez, Sara Sánchez Roma, Macarena Farias, Laura Vázquez, Estefanía Torres Esquivel e Laura Grobas. Empregáronse dinámicas de grupo para tratar cada un dos apartados. Os momentos de lecer foron tamén intensos e coidados: a parada a media mañá fixo famosa a tortilla do noso cantineiro Pablo en todo Guitiriz; e a mañá pechouse cun paseo de amigos e amigas pola praia de Santa Cristina.
Entre a 1ª e a 2º xornada o “tuenti” colapsouse na súa autoestrada virtual entre Perillo e Guitiriz… había que afianzar conceptos e amizades.
Na segunda xornada, o 25 de maio, foi o alumnado da Terra Chá quen acolleu ao grupo de mariñáns que foron alá. Decidiuse que fose todo o grupo, non so os máis directamente implicados na mediación, para facer tamén balance do ano académico e pasar o día xuntos convivindo. Sumáronse entón aos xa coñecidos: Sara Castro, Lucía Rodríguez, Lidia Sotorríos, Alejandro Nogueira, Sergio Ceán, André Luis Araujo, Álvaro Cadavieco, Fernando Romero, Nicole Barros, Martín Mejuto, Sergio Roget, Jesica Valadares, Leila Mejuto… A temática permitía facer isto xa que esta segunda foi unha xornada sobre cuestións organizativas: como se aborda un conflito nun centro sen mediación e como con mediación?; a posta en marcha do equipo de convivencia e mediación curso a curso ? E as liñas de traballo que tentou desenvolver no Neira Vilas o Equipo: a mediación en conflitos; a coidado medio-ambiental – reciclaxe, punto limpo, aforro… -; o acompañamento aos novos – asignando un compañeiro o u compañeira aos alumnos que chegan novos ao centro -; asesoría aos delegados e delegadas – mediante “auditorías” sobre a marcha dos distintos grupos -; observatorio da convivencia – detectando problemas e facendo un seguimento da saúde da convivencia no centro con reunións periódicas coa Xefatura de Estudos e Orientación…-. Precisamente na avaliación destas liñas participaron activamente aqueles que non estaban directamente involucrados en mediación. O tempo de lecer non foi menos importante: Parada a media mañá para saborear unhas empanadas moi ricas de carne e de bonito; comida na ribeira do río Parga, no lugar dos “Sete Muíños” – piscina fluvial de Guitiriz – con algún susto pola chuvia; e tarde de paseo e “bares” polo centro de Guitiriz tamén facendo máis amigos; ate houbo quen andou uns quilómetros polo monte ate Pardiñas – lugar de soa polo seu festival folck e o seu vello balneario -.
A valoración foi positiva por parte dos dous grupos. Agardando unha mais sisuda e pausada é unha constatación o enriquecemento do intercambio entre compañeiras e compañeiros de distinto centro e diferente nivel educativo. Tamén dá xogo a mediación como dramatización alternativa da vivencia dun conflito: inventar o alternativo á labazada, a declaración de guerra ou á imprescindible intervención do Leviatán Hobbesiano. A crítica maior que admite todo isto é precisamente a súa fraxilidade, a súa caducidade nun tempo onde a vida dos rapaces e rapazas “vai de paso”, na súa frescura de “leña verde …que todo e fume…”, vaia, como case todo en educación.
Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.
A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.
E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.
Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.
Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.
Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)