Arquivos da etiqueta: Jorge Mira Pérez

Entrevista a Jorge Mira Pérez

Un eminente e xoven físico galego, moi accesible para todos

Entrevistado por Carmen Villar Fernández [3ºA ESO]

Jorge Mira e Carmen Villar
Jorge Mira e Carmen Villar

Jorge Mira veu ao noso Instituto (IES Neira Vilas) a dar una conferencia no marco das actividades programadas pola II Semana Intercultural, que se levou a cabo entre os días 22 e o 26 de Marzo de 2010. O título da súa charla foi : ”Distancias que nos separan dos obxectos do firmamento”.

Foi una conferencia amena e interesante, moi científica e con tantos datos, que as veces deixábanos un pouco abraiados. El é una persoa moi cercana, que sabe chegar á xente, e consegue que os que o están escoitando estean atentos e interesados no que está a contar.

Biografía:

Naceu en Baio (Zás), provincia da Coruña o día 30 de Outubro de 1968.Licenciouse en Física en 1991 e no mesmo ano presentou a súa tesiña de Licenciatura. Actualmente é Profesor Titular da Área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Acadou diversos e importantes premios ao longo da súa carreira. Foi colaborador en programas da Radio Galega, da TVE en Galicia así como tamén na Televisión Galega. Nestes momentos é o experto en números no programa “Cifras e Letras” desta última. Tamén colaborou en diversas ocasións con artigos no diario “La Voz de Galicia”, polas que tamén acadou algún premios.

Ten publicados artigos en Revistas Científicas de ámbito internacional. É responsable do ProgramaConCiencia, iniciativa de divulgación científica. Ademais é membro activo de diversos colectivos sociais e culturais, así como deportivos.

Entrevista:

Carmen: Por que quixo dedicarse á física?

Jorge: Porque vin que era a chave para entender o mundo que me rodeaba.

C: Gustoulle desde que era neno ou foi de maior cando o decidiu?

J: No meu sistema educativo non se sabía o que era a física ata 2º de BUP ( o equivalente ao actual 4º de ESO), e foi aí cando me decidín.

C: Foi interesante a investigación que fixo sobre a temperatura do ceo e do inferno que publicaron revistas científicas de prestixio internacional?

J: Ese artigo estaba pensado como una anécdota, una entelequia carente de calquera importancia ( levoume facelo un par de tardes). O que si foi interesante e sorprendente foi o seu tremendo impacto mediático, moito maior que o de moitos traballos científicos “dos de verdade” que merecen mais.

John F. Nash e Jorge Mira
John F. Nash e Jorge Mira

C: Cal dos Premios Nobel que trouxo a Santiago dentro do “Programa ConCiencia” lle impresionou mais e por que?

J: Todos eles son impresionantes, pero diría que me chamou algo máis de atención John F. Nash (Premio Nobel de Economía 1994, que veu en 2007), Porque a película “Unha mente marabillosa”, baseada na súa vida, pintaba un personaxe altamente atraente.

Pero quero engadir que o programa CONCIENCIA tamén trae a persoas que non son Premios Nóbel a través do “Premio FONSECA DE COMUNICACIÓN DA CIENCIA”, co que se recoñece aos científicos con máis impacto mediático, entre eles o que máis me impresionou foi Stephen Hawking (que non é Premio Nóbel), gañador da primeira edición. Aproveito a ocasión para para indicar que esta semana anunciamos o gañador da terceira edición : O naturalista e presentador británico David Attemborough,moi coñecido polos seus documentais sobre natureza para a cadea británica BBC.

C: Que opinión ten sobre Stephen Hawking e como viviu a súa visita a Santiago?

Stephen Hawking e Jorge Mira
Stephen Hawking e Jorge Mira

J: A opinión non pode ser outra que : “Hai que ver que moral ten este home” porque, estando no estado que está, e abraiante que teña esa enerxía, pensade que só pode falar a razón de dúas palabras por minuto, non pode moverse, se lle pica ( o seu corpo non é insensible ) non pode rascarse…

Hawking veu recoller o Premio Fonseca en 2008 e botou en Galicia unha semana. Era a primeira vez que organizaba o Premio, e dada a complexidade da súa saúde, tiven que traballar ata o mínimo detalle.¡Preparar esa semana de estadía levoume máis de tres meses! E é que é difícil transmitir o choio que dan estas cousas… Traía un séquito de oito persoas porque necesita coidado continuo, tiven que adaptar a suite do hotel que lle busquei, e logo mirar cada metro dos percorridos que facía para ver se eran accesibles. Nestas datas comprendín o complicado que é o día a día dun minusválido nos lugares non adaptados.

C: Gustoulle a viaxe a Fisterra a todas estas personalidades?

J: Si, porque a maioría deles veñen dun ambiente urbano e están sometidos a moita presión, así que en Fisterra afrouxan o ritmo e atopan algo de paz con esas paisaxes infinitas.

C: Que lle aporta persoalmente a súa participación activa nas diversas actividades culturais e sociais que realiza?

J: Digamos que sacian certa fame de movemento. De tódolos xeitos confésoche que, dada a voráxine na que vivo, non teño moito tempo de saborear esas actividades. Espero que, cando chegue una fase máis tranquila da miña vida, comece a asimilalas e a rumialas.

Entrevista realizada por Carmen Villar Fernández