Participantes
O pasado 6 de Maio celebrouse no Parque de Sta. Margarida da Coruña o “XI Día da Ciencia na Rúa” e aló fomos un grupo de alumnos/as de 3º e 4º da ESO (David Corral, Héctor Galindo, Daniel Lamas, Vladimir Kolpakov, Juan Martínez, Pablo Méndez, Eduardo Valeiro, Paula Mirre) e profesores/as (Antonio Varela, Gema Lois e Xosé Rodríguez) deste centro expoñer o proxecto no que estivemos traballando durante o curso. (Algúns alumnos/as de 4º ESO non foron, aínda que traballaron igual que o resto, porque estaban na viaxe Fin de Etapa en Canarias).
O proxecto
O proxecto consiste no control automático da temperatura e da luz nun invernadoiro. Dito control realízase mediante un programa informático que recibe, a través dunha controladora “Funcam”, os datos procedentes dun sensor de temperatura e doutro de luz. Se a temperatura que se detecta pode danar as plantas por ser demasiado alta, o programa ordena a posta en marcha dun motor que, mediante un mecanismo de piñón-cremalleira, abre unha ventá para ventilar o
interior. Se a temperatura baixa demasiado, o ordenador pon de novo en marcha o motor para pechar a ventá. Unha luz moi intensa tamén pode estragar a plantación así que se se miden valores por riba dos que no programa están almacenados como “aceptables”, o ordenador activa outro motor que, usando un mecanismo parecido ó anterior, estende unha cortina para dar sombra ás plantas. Cando o sensor indica que non é suficiente a luz que entra no invernadoiro, o motor volve funcionar para recoller a cortina.
Madrugar
O día 6 foi sábado pero tocou madrugar. A exposición abría ó público ás 11 así que para que nos desa tempo de ter todo listo a esa hora, chegamos ó Parque de Sta. Margarida ás 9 da mañá pero antes xa tiveramos que ir algúns de nós ata o instituto a recoller o invernadoiro
A furgoneta
Cando empezamos a traballar na maqueta durante os recreos non sabiamos que ía saír do instituto e fixémola dun tamaño cómodo para traballar nela pero cando decidimos levala á Ciencia na Rúa atopámonos co problema de que non collía nos coches dos profesores así que tivemos que recorrer á axuda dunha amiga que nos prestou unha furgoneta.
A carpa
No parque atopámonos unha chea de xente de distintos institutos e colexios da zona de A Coruña. A cada centro adxudicáronnos unha carpa para expoñer os nosos proxectos e a nós tocounos xusto ó lado da Casa das Ciencias. Tivemos que carrexar cadeiras, paneis, taboleiros para as mesas, etc, e colocar os pósteres e o proxector de xeito que se visen ben, distribuír as mesas e comprobar que o invernadoiro funcionaba.
Empezamos
E funcionaba. E empezou a chegar a xente… Ó principio custounos un pouco explicar de forma sinxela e breve como funcionaba o noso invernadoiro pero despois déusenos bastante ben. E entre o público houbo de todo: aqueles que case non se paraban máis que a ver as flores que había dentro do invernadoiro, outros que se interesaban por tódolos detalles da súa construción, do funcionamento e da parte de programación, un señor que nos estivo explicando que el tiña na casa un invernadoiro de verdade cun sistema de control parecido ó noso, e algún que outro ó que case non houbo que explicarlle porque só lle interesaban os caramelos que tiñamos para repartir…
Problemas
Ó pouco tempo de comezar a chegar a xente rompeu un dos conectores que unían a interface “Funcam” e o panel do invernadoiro. Tivemos que achegarnos a unha tenda de electrónica que hai preto de alí para mercar outro e cambialo. Isto tivo solución pero despois o que se estragou foi unha das entradas da “Funcam”, concretamente a entrada do sinal analóxico da temperatura e iso xa non fomos capaces de amañalo, por máis voltas que lle demos. Quedamos bastante decepcionados porque despois de todo o traballo que fixeramos durante tanto tempo, o sistema non funcionaba por culpa de algo totalmente alleo a nós e que non podiamos reparar alí…
Seguimos adiante
Pero ó final seguimos adiante e mentres un de nós explicaba, outro facía a simulación das variacións de temperatura e luz dende o programa informático de xeito que a xente puido ver os mecanismos da ventá e a pantalla en funcionamento. Logo démonos conta de que o sensor de luz (coa LDR) funcionaba e podiamos facer pechar e abrir a cortina tapando e destapando o sensor cunha tea.
A haima
Pola mañá, a maioría da xente veu entre as 12:30 e as 14:00. Despois déronnos os de organización uns bocadillos e puidemos comelos tranquilamente porque ata as 17:30 case non houbo público. Iso si, despois non tivemos un momento de descanso ata a hora de peche, ás 19:00.
Colaboradores
Ao longo do día (como vedes nas fotos), case sempre estivemos dous alumnos na haima, aínda que os colaboradores do proxecto tamén estiveron axudando. Os profes que estiveron no proxecto dende o principio, tamén estiveron todo o día. O que xa vimos menos foron outros profes do instituto e por suposto ó resto dos compañeiros dos outros cursos. É que xa se sabe, o sábado é un día moi ocupado..
Mereceu a pena
Logo de todo o traballo realizado, todos os recreos ocupados, varias tardes no instituto, mereceu a pena. Con todo o que nos dixo a xente cremos que se pode mellorar moito este proxecto: poñer un sistema de rega automático, un anemómetro que impida a apertura da ventilación cando vai moito vento, e moitas máis cousas que se nos ocorrerán…. Ademais, o curso que vén imos ser máis “maduros” e “responsables”, pero necesitamos máis xente que colabore connosco, aínda que algún e algunha xa sexan “chicos” de bacharelato… Bromas aparte o curso que vén: máis proxectos de varios Departamentos e con máis alumnos/as.