Todolos artigos de: admin2

#NaCasa_NV

Non o agardabamos, pero chegou… Sorprendeunos, mais espertounos, púxonos as pilas… Este virus modificou todas as nosas pautas de traballo. E decidimos que había que compartilas. Por iso, nesta entrada colgaremos traballo do alumnado durante o período de corentena de 2020, aquel no que iamos celebrar #NeiraNaukas2020. Todo o virtual pode converterse en real, todo o imaxinario muda en tanxible. Invitámosvos a velo e partillalo (clickando na imaxe)!

Nota: A rapazada que ten autoría dos documentos aparece etiquetada.

Pautas para o “teletraballo” escolar

Estimadas familias,

Comprometid@s co imperativo colectivo de afrontar esta pandemia, debemos quedar na casa. Pero a vida sigue, e non se trata dunhas vacacións anticipadas, senón de continuar coa nosa actividade cotiá como profesores e estudantes. Facer isto viable é un exercicio de responsabilidade que será realizable se asumimos certas pautas:

1. Tentar manter o horario escolar na casa facendo do estudo a actividade central das mañás. Algúns profesores contactarán “on line” cos seus grupos na propia hora semanal correspondente á súa materia.
2. Acceder ás plataformas a través das que se pode contactar co profesorado – como xa veñen facendo ao longo do curso – e cos contidos de cada materia: Edixgal (1º de ESO), aula virtual do centro -en principio activa a partir do 16 de marzo, correo electrónico, google docs, google clasroom, edmodo
Ollo, que o profesorado que non tiña empregado a aula virtual ate hoxe está a preparar actividades para esta ocasión: aparecerán novos cursos destas materias!
3. Segundo transcorran os acontecementos xa se abordarán os tempos e os mecanismos para avaliar ao alumnado este curso. Todo o planificado de aquí a final de curso será revisado e adaptado pensando no maior ben do alumnado. Non podemos entón estudar para o “exame de mañá” porque non o haberá, pero si temos que estudar para futuras probas de aquí a xuño.
4. Insistir en que vivimos unha alerta sanitaria: hai que quedar na casa e seguir traballando. Sen nervios, pero “enchufadas e enchufados” co curso.

O equipo docente do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas.

Erasmus+ (2ª mobilidade)

Do 8 ao 15 de marzo de 2020 (cun retorno precipitado por mor da crise do COVID-19), 8 alumnas e alumnos de 3º e 4º ESO participaron na segunda mobilidade do Erasmus+ “L’Europe en scène….

A mobilidade tivo lugar na localidade francesa de Sablé-sur-Sarthe, no lycée polyvalent Raphaël Elizé, con outr@s tant@s participantes franceses e portugueses.

Nesta mobilidade, a iniciación á interpretación teatral tivo lugar da man dos membros da Houlala Compagnie, que -en base a textos de Molière e outras propostas singulares- adestraron ao alumnado no savoir faire de jouer une pièce. 

A estadía permitíu tamén a visualización en directo dunha obra de teatro nunha viaxe a París realizada o 10 de marzo.

Inmersión lingüística

Do 7 ao 13 de marzo de 2020 tivo lugar a viaxe de inmersión lingüística levada a cabo por 13 alumnas e alumnos de Bachibac 1, consistente na estadía en Nantes e nas aulas do lycée polyvalent Raphaël Elizé de Sablé-sur-Sarthe, localidade do pays de la Loire.

Aparte da experiencia de coñecer a cidade de Nantes, o casco histórico de Le Mans e a abadía de Solesmes, esta #InmersiónLingüística_NV permitíu ao alumnado a integración nas aulas de diferentes disciplinas para fomentar a aprendizaxe cotiá da lingua francesa como experiencia consecuente co desenvolvemento dos seus estudos Bachibac.

Hai que quedar na casa…

Para paralo!!!

  • Suspéndense as actividades lectivas e extraescolares. Dende o vindeiro luns con carácter oficial, e de xeito recomendado dende mañán venres, por un período inicial de 14 días.
    Segundo comunicación do Presidente da Xunta en rolda de prensa esta mañán, no eido educativo, suspéndense as actividades lectivas e extraescolares en todos os niveis educativos, a partir do vindeiro luns e durante 14 días – a partir do luns de forma oficial e a partir de mañá de forma recomendada-. “Se os pais e as nais teñen dificultades para organizarse, os centros van estar abertos mañá, pero a partir do luns, desde o punto de vista de aceptación de alumnos, quedarán pechados”,

As ausencias do alumnado do día 13 de marzo consideraranse xustificadas a todos os efectos. Poden atopar a información sanitaria oficial ás familias nesta ligazón:

http://www.edu.xunta.gal/portal/familiasealumnado/informacion-coronavirus

O centro permanecerá aberto ao público para a realización de trámites administrativos de 9:00 a 13:00.

Un saúdo.
A Dirección.

Semana da Muller 2020

A Semana da Muller 2020 é momento de lembranza do papel das mulleres en diversos campos: na ciencia, na literatura, na economía, na vida… por parte de diversos departamentos e profesorado, ademáis da Biblioteca do centro escolar.

O alumnado de 2º ESO, ademáis, leu en grupo e criticamente a obra “La Cenicienta que no quería comer perdices” -obra que moderniza o conto de Cenicienta, en Valores Éticos. Isto servíu para traballar os estereotipos de xénero en torno ao machismo.

Visita a Compostela

O alumnado de 3º ESO e 1º Bacharelato visitou o 3 de marzo de 2020 a cidade de Compostela para realizar varias actividades.

Por unha banda, o alumnado de 3º ESO realizou un roteiro pola cidade, deténdose en lugares significativos -nos que o propio alumnado actuou de cicerone. Tamén visitaron a exposición que inaugura o #Xacobeo21, “Galicia, un relato no mundo”, na Cidade da Cultura -a esta actividade tamén acudíu o alumnado de 1º Bacharelato.

O alumnado de Bacharelato visitou ademáis o restaurado Pórtico da Gloria. Finalmente, unha semana e un día despois da conmemoración do “Día de Rosalía”, todo o alumnado se rendeu no Panteón de Galegos Ilustres para honrar á nosa excelsa poetisa.

En suma, foi un día de experiencias e aprendizaxes intensas.

Laboratorio aberto na DOMUS

O alumnado de 4º ESO de Bioloxía participou hoxe no “laboratorio aberto” sobre a revolución biotecnolóxica, que cada ano académico organiza a DOMUS de A Coruña.

Alí estiveron a traballar, este 3 de marzo, como enxeñeiros xenéticos, para fabricar -con bacterias- unha proteína eficiente que sirva para eliminar de xeito máis eficaz o colesterol responsable da arterioesclerose.