Arquivo da categoría: Departamento de Dinamización Lingüística

Descubrindo Oleiros

A alumna Andressa Fernández Amador de 1º A recibiu un dos accésit do premio literario “Descubrindo Oleiros” que convoca o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, na categoría do primeiro ciclo da ESO. Andressa presentouse ao certame, no que participou alumnado de todos os centros educativos do concello, co relato “Detrás dun andel”. Recolleu o premio, xunto aos outros gañadores, o 22 de decembro no Auditorio da Fábrica. Parabéns, Andressa!

Lembraza de Neira Vilas

En lembranza de Neira Vilas, Pepe Carballude, escritor e profesor deste instituto leu, no acto de homenaxe a Neira Vilas o seguinte texto dedicado ao seu compañeiro de letras e, sobre todo, ao amigo:

” Hai hoxe mesmo unha semana comunicáronme a morte de Xosé Neira Vilas, Pepe Neira como lle chamabamos os amigos. Sorprendeume a nova certamente. ¿Quen non se sorprende ante a chegada da morte? Dicían os clásicos que vén silandeira e que golpea con igual pé os palacios dos reis que as choupanas dos pobres. A morte iguálanos a todos. Sabía que tiña os seus anos, que estaba delicado, que superara un ingreso hospitalario a finais do curso pasado, pero… ¿Como ía morrer Neira Vilas? Parecíame eterno. ¿E non o será? Dicía o poeta latino Ovidio que o escritor non morre de todo. Tan só desaparece fisicamente, pero renace cada día nas mans dos lectores.
Durante o verán estivemos xuntos na feira do libro coruñesa. Chamoume e acudín á cita, coma facía cada ano. Sempre tiña libro novo que presentar. Neste caso foron dous. Fixemos unhas fotos, as derradeiras e, sen sabelo, despedímonos para sempre.
Pero, ¿quen é Neira Vilas? Para moitos dos aquí presentes é o personaxe que dá nome ó noso instituto. Para outros, un grandísimo escritor galego, autor do libro máis lido da nosa literatura, dignificador dun idioma e dunha clase social, a dos pobres e dos caseiros. Para outros, un académico de número da Real Academia Galega. Para outros, un home importante, doutor honoris causa por varias universidades de todo o mundo.
Para min un AMIGO.
Fóiseme un amigo.
Coñecino en 1976 e amigamos de por vida. Os dous vimos da aldea. Os dous somos fillos de labradores, pobres e con familia numerosa. Os dous caneamos a eito carreiros e congostras. Os dous arrincamos esterco e gradamos as veigas; esbrugamos o millo e apañamos a herba seca; os dous mallamos o centeo e gadañamos o alcacén; fixemos chingas coas asas dos caldeiros e tirapedras cos neumáticos das rodas; os dous choramos a morte dun can fiel, compañeiro de trafegos e cómplice de inconfesables falcatrúas; os dous quecemos as canelas entaladas á beira do lume; os dous comemos broa resesa a diario e pantrigo os días de festa. En fin, os dous compartimos un xeito de vivir e un modo de ser. Os dous presumimos de ser da aldea. El dicía que tiña media alma aquí e a outra media en Cuba, a súa segunda patria.
Nun acto coma este non hai tempo para abordar as múltiples caras da personalidade de Pepe Neira Vilas. Destacarei sobre todo a de traballador incansable, sempre atento a axudar ós demais. A calquera hora do día ou da noite chamaba para consultar algunha cousa que pensaba que eu podía saber ou para pedir opinión. Outras veces chamaba simplemente para falar, polo pracer de parrafear unha miga. Sempre tiña na mente algún proxecto novo: unha historia, un poema, unha crónica de algo… Quería ser o notario da emigración, contar o que só el sabía por telo vivido, para que o aprendésemos os demais. “Imos morrendo os vellos e despois…”, adoitaba dicir el e tamén Díaz Pardo, que era da mesma opinión.
Sentía unha querenza especial por Oleiros. Seino. Estáballe moi agradecido, ó seu alcalde e a toda veciñanza. Citábanos como modelo de democracia participativa. Díxomo moitas veces. Non esqueceu nunca que foi o noso concello quen primeiro lle dedicou unha rúa e un centro de ensino, o noso instituto, e quen sintonizou cos ideais políticos tan de seu.
Morreu pensando vir aquí, a este instituto, no próximo mes de febreiro. As derradeiras palabras que mantiven con el, o pasado 30 de novembro, a mesma semana da súa morte, foron para confirmalo. E tamén para preguntar se chegaran as dúas últimas publicacións súas para a vitrina que temos á entrada da sala de profesores. ¡A vitrina! ¡A súa querida vitrina! Quería que estivesen reunidas nela todas as súas obras, nos distintos idiomas e edicións. Cada libro novo que saía, un exemplar para a vitrina do Instituto de Perillo. Non fallaba. Chamaba por teléfono para asegurarse ou escribíame, á man ou á máquina, sempre en papeliños recortados. Coma o desta carta que vou ler de seguido. ”
Pepe Carballude, 4 de decembro de 2015.

Eu son Neira Vilas

O día 3 de novembro o escritor Xosé Neira Vilas festexaba o seu aniversario. Desde o IESP enviouse un vídeo-agasallo no que o profesorado, alumnado e persoal do centro asumía a personalidade do escritor partindo da célebre frase coa que comeza “Memorias dun neno labrego”. O que ía ser un agasallo converteuse o día 27 nunha homenaxe a súa vida e obra.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega colgou na súa web o video elaborado pola comunidade educativa do centro e xa o puxo en facebook.

Homenaxe a Neira Vilas

A nosa Comunidade Educativa celebrou un acto de lembranza e homenaxe a Xosé Neira Vilas o día 4 de decembro.

Interviu en primeiro lugar o director para salientar a honra de levar o seu nome e lembrar o agarimo que el sempre sentiu polo noso centro. Falou a continuación Xosé Carballude, como profesor e amigo que foi do egrexio escritor, para dar paso a continuación a unha ampla representación de nosa colectividade (alumnado, persoal non docente e familias) que leron diversos textos nas diversas linguas de orixe de todos eles. Interviu a continuación a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros e pechouse o acto con dúas actuacións musicais.

 

 

Magosto-Samaín 2015

Samain_9_11_15_002O EDLG organizou na semana do 9 ao 13 de novembro unha serie de actividades para festexar algunhas das celebracións máis características deste mes. A tarde do luns 9 de novembro tivo lugar un magosto no patio do IESP para o alumnado da ESO e o profesorado. Cada un trouxo unha presiña de castañas para asar mentres se desenvolvía a xincana de xogos populares. O martes 10, o alumnado de 1º da ESO asistiu ao espectáculo “Contos de Defuntos” a cargo da compañía “A tropa de trapo”  no que se revisaron a actualizaron algúns dos relatos de medo asociados á cultura galega tradicional. Ao longo da semana exhibíronse as cabazas decoradas na entrada do centro, así como se recolleron os textos máis terroríficos das rapazas e rapaces que decidiron participar no “Concurso de conxuros”.

Día da Ciencia en Galego

CGENDL_10_11_2015Un ano máis festéxase o Día da Ciencia en Galego coa colaboración da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua. O día 4 de novembro, as rapazas e rapaces de 3º da ESO participaron da videoconferencia vía web a cargo de Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC. Introduciu o alumnado no funcionamento da mente humana e en como constrúe a realidade e o propio “eu”.

Páxina da CGENDL

Parabéns a Xosé Neira Vilas

XoseNeiraVilas_10_11_15_1O pasado 3 de novembro foi o cumpreanos do escritor e amigo Xosé Neira Vilas. Desde o instituto desexóuselle un aniversario ben feliz a través dunha felicitación e un vídeo realizado polo Departamento de Dinamización da Lingua e o Departamento de Actividades Extraescolares no que colaborou o profesorado, conserxes e alumnado.

Facendo Filloas e Crêpes

Celebramos o Entroido facendo filloas e crêpes

Algunhas receitas de filloas e crêpes

Previsualizar os cambios

Fotos do evento