Arquivo da categoría: Xosé Neira Vilas

Noticias e artigos relacionados con Xosé Neira Vilas

Semana Neira Vilas

Xosé Neira VilasDo 27 de novembro ao 1 de decembro este ano celebraremos a Semana Neira Vilas a través de varias actividades. Por unha banda, o Departamento de Dinamización da Lingua Galega e o Departamento de Plástica convoca o concurso “As paisaxes de Anisia”. A partir da lectura de textos sobre a vida e obra de Anisia Miranda, o alumnado realizará unha obra plástica que recolla as súas imprensións. Por outra banda, o venres 1 de decembro haberá unha homenaxe na que participará todo o centro. Contarase coa presenza de Luis Reimóndez, presidente da Fundación Neira Vilas, e Pepe Carballude. Ambos terán un encontro co alumnado de 3º e 4º da ESO para lembrar a figura do escritor e de Anisia Miranda.

Semana Neira Vilas

O mes de novembro é ben significativo para Xosé Neira Vilas. Por este motivo, desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, en colaboración con diferentes departamentos, organizáronse actividades na honra do escritor que dá nome ao noso centro.

  • Panel de homenaxe que recolle textos escritos polos membros da nosa comunidade educativa adicados á súa memoria.
  • Convocatoria dun concurso-exposición de retratos en colaboración co Departamento de Plástica e Educación Audiovisual, baixo o nome “O teu Balbino do século XXI”.
  • Así mesmo, o venres 25 todos os compoñentes do centro xuntáronse nun acto homenaxe onde participaron tamén Xosé Martínez Romero, psicólogo clínico e amigo persoal de Neira Vilas en Bos Aires, e o escritor e profesor ata o curso pasado no IESP, Xosé Carballude.
  • A continuación, Xosé Martínez Romero e Xosé Carballude tiveron unha charla co alumnado onde partillaron as súas vivencias xunto a Neira Vilas e onde se presentou unha entrevista que Xosé Carballude lle realizou ao escritor hai uns anos.

Audio da entrevista:

Imaxes:

Lembraza de Neira Vilas

En lembranza de Neira Vilas, Pepe Carballude, escritor e profesor deste instituto leu, no acto de homenaxe a Neira Vilas o seguinte texto dedicado ao seu compañeiro de letras e, sobre todo, ao amigo:

” Hai hoxe mesmo unha semana comunicáronme a morte de Xosé Neira Vilas, Pepe Neira como lle chamabamos os amigos. Sorprendeume a nova certamente. ¿Quen non se sorprende ante a chegada da morte? Dicían os clásicos que vén silandeira e que golpea con igual pé os palacios dos reis que as choupanas dos pobres. A morte iguálanos a todos. Sabía que tiña os seus anos, que estaba delicado, que superara un ingreso hospitalario a finais do curso pasado, pero… ¿Como ía morrer Neira Vilas? Parecíame eterno. ¿E non o será? Dicía o poeta latino Ovidio que o escritor non morre de todo. Tan só desaparece fisicamente, pero renace cada día nas mans dos lectores.
Durante o verán estivemos xuntos na feira do libro coruñesa. Chamoume e acudín á cita, coma facía cada ano. Sempre tiña libro novo que presentar. Neste caso foron dous. Fixemos unhas fotos, as derradeiras e, sen sabelo, despedímonos para sempre.
Pero, ¿quen é Neira Vilas? Para moitos dos aquí presentes é o personaxe que dá nome ó noso instituto. Para outros, un grandísimo escritor galego, autor do libro máis lido da nosa literatura, dignificador dun idioma e dunha clase social, a dos pobres e dos caseiros. Para outros, un académico de número da Real Academia Galega. Para outros, un home importante, doutor honoris causa por varias universidades de todo o mundo.
Para min un AMIGO.
Fóiseme un amigo.
Coñecino en 1976 e amigamos de por vida. Os dous vimos da aldea. Os dous somos fillos de labradores, pobres e con familia numerosa. Os dous caneamos a eito carreiros e congostras. Os dous arrincamos esterco e gradamos as veigas; esbrugamos o millo e apañamos a herba seca; os dous mallamos o centeo e gadañamos o alcacén; fixemos chingas coas asas dos caldeiros e tirapedras cos neumáticos das rodas; os dous choramos a morte dun can fiel, compañeiro de trafegos e cómplice de inconfesables falcatrúas; os dous quecemos as canelas entaladas á beira do lume; os dous comemos broa resesa a diario e pantrigo os días de festa. En fin, os dous compartimos un xeito de vivir e un modo de ser. Os dous presumimos de ser da aldea. El dicía que tiña media alma aquí e a outra media en Cuba, a súa segunda patria.
Nun acto coma este non hai tempo para abordar as múltiples caras da personalidade de Pepe Neira Vilas. Destacarei sobre todo a de traballador incansable, sempre atento a axudar ós demais. A calquera hora do día ou da noite chamaba para consultar algunha cousa que pensaba que eu podía saber ou para pedir opinión. Outras veces chamaba simplemente para falar, polo pracer de parrafear unha miga. Sempre tiña na mente algún proxecto novo: unha historia, un poema, unha crónica de algo… Quería ser o notario da emigración, contar o que só el sabía por telo vivido, para que o aprendésemos os demais. “Imos morrendo os vellos e despois…”, adoitaba dicir el e tamén Díaz Pardo, que era da mesma opinión.
Sentía unha querenza especial por Oleiros. Seino. Estáballe moi agradecido, ó seu alcalde e a toda veciñanza. Citábanos como modelo de democracia participativa. Díxomo moitas veces. Non esqueceu nunca que foi o noso concello quen primeiro lle dedicou unha rúa e un centro de ensino, o noso instituto, e quen sintonizou cos ideais políticos tan de seu.
Morreu pensando vir aquí, a este instituto, no próximo mes de febreiro. As derradeiras palabras que mantiven con el, o pasado 30 de novembro, a mesma semana da súa morte, foron para confirmalo. E tamén para preguntar se chegaran as dúas últimas publicacións súas para a vitrina que temos á entrada da sala de profesores. ¡A vitrina! ¡A súa querida vitrina! Quería que estivesen reunidas nela todas as súas obras, nos distintos idiomas e edicións. Cada libro novo que saía, un exemplar para a vitrina do Instituto de Perillo. Non fallaba. Chamaba por teléfono para asegurarse ou escribíame, á man ou á máquina, sempre en papeliños recortados. Coma o desta carta que vou ler de seguido. ”
Pepe Carballude, 4 de decembro de 2015.

Eu son Neira Vilas

O día 3 de novembro o escritor Xosé Neira Vilas festexaba o seu aniversario. Desde o IESP enviouse un vídeo-agasallo no que o profesorado, alumnado e persoal do centro asumía a personalidade do escritor partindo da célebre frase coa que comeza “Memorias dun neno labrego”. O que ía ser un agasallo converteuse o día 27 nunha homenaxe a súa vida e obra.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega colgou na súa web o video elaborado pola comunidade educativa do centro e xa o puxo en facebook.

Homenaxe a Neira Vilas

A nosa Comunidade Educativa celebrou un acto de lembranza e homenaxe a Xosé Neira Vilas o día 4 de decembro.

Interviu en primeiro lugar o director para salientar a honra de levar o seu nome e lembrar o agarimo que el sempre sentiu polo noso centro. Falou a continuación Xosé Carballude, como profesor e amigo que foi do egrexio escritor, para dar paso a continuación a unha ampla representación de nosa colectividade (alumnado, persoal non docente e familias) que leron diversos textos nas diversas linguas de orixe de todos eles. Interviu a continuación a Concelleira de Cultura e Normalización Lingüística de Oleiros e pechouse o acto con dúas actuacións musicais.

 

 

Parabéns a Xosé Neira Vilas

XoseNeiraVilas_10_11_15_1O pasado 3 de novembro foi o cumpreanos do escritor e amigo Xosé Neira Vilas. Desde o instituto desexóuselle un aniversario ben feliz a través dunha felicitación e un vídeo realizado polo Departamento de Dinamización da Lingua e o Departamento de Actividades Extraescolares no que colaborou o profesorado, conserxes e alumnado.