Arquivos da etiqueta: Convivencia e Mediación

Excursión do Equipo de Convivencia e Mediación

Excursión do Equipo de Convivencia e Mediación
Preparando a actividade

O pasado venres, 16 de maio de 2014, o Equipo de Convivencia e Mediación realizou unha visita ao Monte de San Pedro en A Coruña.
Foi unha xornada de convivencia na que tivemos a oportunidade de visitar un antigo escenario bélico, hoxe reconvertido felizmente en parque urbano, e na que aproveitamos para facer adestramento en técnicas de mediación escolar.
O adestramento consistíu na realización, mediante dramatización, dun suposto de conflito entre alumnos. Os membros do equipo distribuíronse en cinco pequenos grupos nos que algúns alumnos tiñan o rol de persoa en conflito, outros de mediadores e outros máis de observadores do proceso.
Rematouse a actividade cunha posta en común na que intentamos sacar conclusións para mellorar a nosa actividade como mediadores.
Despois do adestramento tivemos a oportunidade de dar un paseo polo fermoso parque do Monte de San Pedro, visitando o Mirador, o Laberinto Inglés e o parque de xogos.
Foi, a pesar do vento, un estupendo día de sol no que salientou a boa convivencia, a colaboración do alumnado e as impresionantes vistas da cidade e da bahía.

II encontro de centros para unha convivencia positiva

II encontro de centros para unha convivencia positiva
sesión de traballo

O IES Neira Vilas asistiu ao II encontro de centros para unha convivencia positiva, que tivo lugar en Compostela, na Cidade da Cultura e no IES Anton Fraguas, nos días 24 e 25 de abril de 2014.
No encontro participaron alumnos, profesores e pais de unha vintena de centros de toda Galicia, e no mesmo desenvolvéronse relatorios e dinámicas orientadas ao fomento da mellora da convivencia en centros escolares. Actuaron como relatores Gorka Ruíz, José María Avilés e Pedro Uruñuela, persoas cunha ampla traxectoria profesional nestes temas.
O noso IES estivo representado polas alumnas de 2º da ESO Nerea Domínguez, Ana Pirlivié e Melanie Fernández, e polos profesores coordinadores do Equipo de Convivencia e Mediación. A pesares de que o mal tempo esmagou as actividades que se ian realizar o venres tarde na cidade, o encontro foi moi estimulante xa que nos dou a oportunidade de coñecer de primeira man unha morea de actividades que se están a desenvolver noutros centros para a mellora da convivencia.
Queremos deixar constancia da nosa gratitude co IES Fin do Camiño, de Fisterra e co Antón Fraguas de Compostela, organizadores do evento.
II encontro de centros para unha convivencia positiva
Alumnas participantes

Mediadoras do Neira Vilas imparten un curso a compañeiros de Guitiriz

Éramos ao redor de 40 persoas
Éramos ao redor de 40 persoas

“O EQUIPO DE MEDIACIÓN E CONVIVENCIA NO CENTRO ESCOLAR” foi o tema central da experiencia de intercambio e formación entre iguais entre o I.E.S. X. Neira Vilas e o I.E.S. Poeta Díaz Castro.
Unha posibilidade que promoveu e fixo posible o programa Axenda 21 Escolar de Galicia. O encontro persoal e a educación entre iguais son os seus principais valores, ademais da propia mediación. Os membros do equipo de convivencia e mediación fixeron un esforzo importante para ser “comunicadores”, “educadores” e “compañeiros entusiastas” dun grupo interesado – dezaseis rapaces e rapazas – do centro Lucense. Aproveitaron a oportunidade seis compañeiras de 1º de ESO do noso centro participando como “aprendices” de mediadoras. (Teresa López Velo, Catalina Bernot Hernández, Nuria Buño Golán, Laura Carro Sabio e Damaris Fernández Pumar)
A iniciativa partiu dos compañeiros e compañeiras de Guitiriz. Con eles compartírase a estadía nacasa rural-ecolóxica de “Alvarella” a finais do curso pasado. Gozaran deste premio recoñecido polos responsables da A21 Escolar de Galicia polo traballo desenvolvido nos dous institutos a prol dun mundo mais sostible. O alumnado do Neira Vilas foi agasallado polo traballo de varios anos e varias xeracións de mediadores e mediadoras. Tamén pola brillantez coa que o equipo do curso 2008-09 expuxo o seu traballo no encontro de Pontevedra “O alumnado é protagonista” – no marco da A21EG -.
O “curso” dividiuse en dúas xornadas: na primeira, o 20 de abril, foi o centro Oleirense o anfitrión. De 10 a 13 horas da mañá, no Salón de Actos do centro, tras unha presentación “regulamentaria” de tódolos asistentes, desenvolveuse o programa: O conflito, preciso para medrar na vida; diferentes modos de afrontar un conflito: asertivo, pasivo e violento; a vía da mediación: momentos da mediación e habilidades sociais necesarias para todo mediador. Cada momento foi dinamizado por membros do equipo de convivencia existente e Perillo: Lidia Candal Suárez, Adrián Freire Rodriguez, Marta Sánchez Méndez, Sara Sánchez Roma, Macarena Farias, Laura Vázquez, Estefanía Torres Esquivel e Laura Grobas. Empregáronse dinámicas de grupo para tratar cada un dos apartados. Os momentos de lecer foron tamén intensos e coidados: a parada a media mañá fixo famosa a tortilla do noso cantineiro Pablo en todo Guitiriz; e a mañá pechouse cun paseo de amigos e amigas pola praia de Santa Cristina.
Entre a 1ª e a 2º xornada o “tuenti” colapsouse na súa autoestrada virtual entre Perillo e Guitiriz… había que afianzar conceptos e amizades.
As 2ªs xornadas foron de gran debate
As 2ªs xornadas foron de gran debate

Na segunda xornada, o 25 de maio, foi o alumnado da Terra Chá quen acolleu ao grupo de mariñáns que foron alá. Decidiuse que fose todo o grupo, non so os máis directamente implicados na mediación, para facer tamén balance do ano académico e pasar o día xuntos convivindo. Sumáronse entón aos xa coñecidos: Sara Castro, Lucía Rodríguez, Lidia Sotorríos, Alejandro Nogueira, Sergio Ceán, André Luis Araujo, Álvaro Cadavieco, Fernando Romero, Nicole Barros, Martín Mejuto, Sergio Roget, Jesica Valadares, Leila Mejuto… A temática permitía facer isto xa que esta segunda foi unha xornada sobre cuestións organizativas: como se aborda un conflito nun centro sen mediación e como con mediación?; a posta en marcha do equipo de convivencia e mediación curso a curso ? E as liñas de traballo que tentou desenvolver no Neira Vilas o Equipo: a mediación en conflitos; a coidado medio-ambiental – reciclaxe, punto limpo, aforro… -; o acompañamento aos novos – asignando un compañeiro o u compañeira aos alumnos que chegan novos ao centro -; asesoría aos delegados e delegadas – mediante “auditorías” sobre a marcha dos distintos grupos -; observatorio da convivencia – detectando problemas e facendo un seguimento da saúde da convivencia no centro con reunións periódicas coa Xefatura de Estudos e Orientación…-. Precisamente na avaliación destas liñas participaron activamente aqueles que non estaban directamente involucrados en mediación. O tempo de lecer non foi menos importante: Parada a media mañá para saborear unhas empanadas moi ricas de carne e de bonito; comida na ribeira do río Parga, no lugar dos “Sete Muíños” – piscina fluvial de Guitiriz – con algún susto pola chuvia; e tarde de paseo e “bares” polo centro de Guitiriz tamén facendo máis amigos; ate houbo quen andou uns quilómetros polo monte ate Pardiñas – lugar de soa polo seu festival folck e o seu vello balneario -.
A valoración foi positiva por parte dos dous grupos. Agardando unha mais sisuda e pausada é unha constatación o enriquecemento do intercambio entre compañeiras e compañeiros de distinto centro e diferente nivel educativo. Tamén dá xogo a mediación como dramatización alternativa da vivencia dun conflito: inventar o alternativo á labazada, a declaración de guerra ou á imprescindible intervención do Leviatán Hobbesiano. A crítica maior que admite todo isto é precisamente a súa fraxilidade, a súa caducidade nun tempo onde a vida dos rapaces e rapazas “vai de paso”, na súa frescura de “leña verde …que todo e fume…”, vaia, como case todo en educación.

Torneo de fútbol intercentros

Xogada do partido
Xogada do partido

Con gran éxito de público, celebrouse a final do torneo deportivo intercentros entre o IES Miraflores e IES Neira Vilas.
Os equipos estaban formados por alumnos de diferentes cursos e despois dunha final moi disputada o IES Miraflores conquistou o Trofeo Intercentros.
Durante o partido o grupo de animadores de 1º de ESO curso realizou unha coreografia moi aplaudida.
Este torneo é unha das actividades realizadas polo equipo de mediación do noso centro. Tamén foron os encargados dos ensaios das animadoras, da organización do acto e do seu desenvolvemento, por certo impecable.

Charla do Equipo de Mediación na universidade da Coruña

Charla na UDC
Charla na UDC

O 16 de xaneiro, integrantes do grupo de mediación, os alumnos: Alberto Gómez, Jessica Vilariño, Jennifer Alvarez, Iris Pena e Alexandra Balbás e os profesores Fernando Vidal e Warinca Arce do noso Instituto contaron a súa experiencia a futuros educadores sociais. Foi na facultade de Ciencias da Educación na clase da materia “modelos de educación para a paz e o desenvolvemento”
O motivo central da intervención foi a mellora da convivencia no centro e as súas consecuencias positivas para a aprendizaxe.
O Equipo de mediación, que leva catro anos de andaina, mostrou como as causas da violencia, como saída para a solución dos conflictos, van mudando. Foi identificado o “aburrimento vital” como a orixe principal de determinadas condutas violentas entre os adolescentes na nosa sociedade. Esta afirmación foi confirmada polos resultados dunha enquisa realizada no centro educativo no curso pasado.
Diante desa problemática o equipo de mediación está a desenvolver diversas actuacións, e son:

  • a promoción da aprendizaxe de técnicas de estudo e habilidades sociais nas titorías
  • plan de acollida dos novos alumnos
  • organización de ligas deportivas para dinamizar os recreos
  • o observatorio da convivencia plantexado da man dos delegados
  • a interacción de alumnos dos primeiros anos con exalumnos para enfrontalos co tema das expectativas
  • a mediación na resolución de conflitos.

A esta charla asistiron tamén membros do Instituto Manuel Murguía de Arteixo que poñerán en marcha unha experiencia similar.
A profesora, Cathryn Teasley, e o alumnado presente consideraron moi interesante a comunicación da experiencia e subliñar a necesidade de afondar na democratización escolar en tódolos eidos.

Alumnos do instituto dan unha charla na universidade de A Coruña

Alumnos do instituto dan unha charla na universidade de A Coruña

 
Membros do equipo de mediación do IES Neira Vilas foron convidados á Facultade de CC. da Educación da Universidade da Coruña para falar das actividades do equipo de mediación no noso instituto. Esta charla forma parte das actividades da materia “Modelos de Educación para a Paz e o Desenvolvemento” (Departamento. de Pedagoxía e Didáctica) cuxa profesora encargada é Cathryn Teasley.
Por parte do noso centro participaron as alumnas:

  • Rocío Saavedra Fernández
  • Alexandra Balbás Calvo
  • Iris Pena Amor
  • Joheisy Bracho Curros

Tamén participaron ex-alumnos do IES que seguen a colaborar con nós:

  • Gema Pujó Romero

 
A charla, que tivo lugar o luns 15 de xaneiro desde as 18:00 h até as 17:45 h, permitiu presentar aos futuros profesores e pedagogos cómo é a mediación escolar e valorar a influencia desta nova iniciativa na convivencia dentro do centro educativo.

Ligas Deportivas

Ligas

Ó longo deste curso celebráronse as ligas deportivas de fútbol e brilé organizadas polo Equipo de Mediación do noso Instituto.
A idea xurdiu nas xornadas de convivencia e pretendían mellorar as relacións entre os alumnos do centro: esquecendo determinadas actividades pouco construtivas ás que se dedicaban algúns nos tempos de lecer. Foi por iso polo que as aliñacións dos equipos saíron dun sorteo entre todos os inscritos. Así os grupos resultaron máis heteroxéneos: distintas idades, niveis, clases…
Nun principio, tanta mestizaxe non agradou a ningún dos participantes. Partido a partido foron superando todos os inconvenientes por compartir campo de xogo con outras persoas, e isto era o que se pretendía: mellorar a convivencia no Neira Vilas.
As finais de ambas as dúas competicións xogáronse a semana do 29 de maio. Da final de fútbol saíu gañador o equipo formado por: Álvaro García, Adrián Fernández, Fernando Lantes,Juan Martínez e Santiago Conde, enfrontados nun vibrante encontro ó conxunto constituído por: Alberto Gómez, Bruno Casal, Santiago González, Cristian García e José Manuel Barreiro.
No brilé, os que acadaron o título do campionato foron Cristián García, Fredi Rilo, Estefanía Antelo e Jessica Cortés. Tamén esta foi unha final dura na que o equipo gañador dobregou ó forte equipo formado por Alberto Gómez, Diana Dapena, Naiara Vián, Alexandra Balbás eRaquel Rodríguez.
¡Parabéns a todos e a todas! O merecido premio para os vencedores será a difícil encomenda de representar o noso Instituto nun partido contra o equipo do Instituto Miraflores. Esperamos ós nosos compañeiros co trofeo correspondente.
¡Ánimo e sorte! ¡Acadamos promover a convivencia incluso entre os centros…!