Arquivos da etiqueta: Roma

Crónica Romana

En Piazza Spagna
En Piazza Spagna

Catro alumnas e unha profesora, catro alumnos e un profesor, unha familia hoxe numerosa mais ben levada, camiñou por Roma durante cinco días ao descobremento da antigüidade clásica, á percura dos restos paleocristiáns, á busca da monumentalidade renacentista e barroca, co anceio de adaptarse ao contorno e converterse en romanos auténticos, incluso a poder ser confundidos entre a “gente de Roma” que filmaba Ettore Scola.
Levabamos un planning de viaxe, e o lecer nunca está inimizado coa aprendizaxe; hai tempo para soñar e aprender, para camiñar e comer, para ver, ollar, disfrutar… Estaban esperándonos os foros imperiais, as catacumbas paleocristiás, o grande Coliseo e a Via Appia Antica, agardábannos igrexas e prazas, esculturas de Bernini e pinturas de Rafael Sanzio, tendas de Ferrari e vías de luxo e dolce far niente, parques inmensos, fontes, rúas… Agardábannos o autobús e o metro, o ristorante e a pizzería, a noite e o día do Campo di Fiori.
Na escaleira de saída dos Museos Vaticanos
Na escaleira de saída dos Museos Vaticanos

Baixo un sol de xustiza, mais sen baixar o ritmo e a garda, as colinas da Cidade Eterna sentiron a nosa pegada. E coido que tamén a urbe deixou pegada en nós. Tanto que pediamos días extras para seguir internándonos na intrahistoria da romulorremiana cidade. Estivemos aos pés da cúpula de San Pedro do Vaticano e subimos ata a lanterna, ollamos Roma desde arriba e vimos o subsolo perforado polas estacións de metro e as catacumbas, mantivémonos xuntos baixo o arco de Septimio Severo afirmando unha unidade de grupo, “perdoamos” a vida dos gladiadores na arena do Coliseo, formamos un círculo de ledicia no céspede de Villa Borghese e unha ringleira diante do Tíber. Bebemos auga fresca das fontes, disfrutamos de espectáculos públicos, corremos para atrapar o autobús,…
Hai 180 anos, un 23 de xuño, Stendhal escribía que “en Roma, cando se pode, hai que vivir tres días no mundo constantemente rodeado de compañeiros xoviais, e tres días nunha completa soedade. As persoas que teñen alma tolearían se estivesen sempre soas.”  Nós fomos un grupo sempre, unido e alegre, ás veces arrastrado pola calor, sempre ilusionado co descobremento. A Roma dos Césares e dos Papas, a da dolce vita e a miserenta, a nocturna e a de días caldos, a Roma Eterna e a de hoxe en día, acolléronnos durante 120 horas para disfrutar dun belo paseo. Quizás non tivemos tempo de experimentar o mal de Sthendal, mais tivemos oportunidade de disfrutar como calquera viaxeiro do Grand Tour.
Se queres ler máis consulta: http://xosea.wordpress.com/2008/06/18/desde-roma/