Castelao narrador e debuxante

No museo

No museo

O 30 de novembro de 2005 visitamos o Museo de Pontevedra co alumnado de 4° de ESO. Dentro do programa de actividades do Gabinete Didáctico do Museo, a obra pictórica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao recibiu sempre un trato destacado. Pola súa sala pasaron moitos grupos de estudantes que traballaron e seguen a traballar dunha forma activa mediante a guía didáctica elaborada para que o alumnado observe detidamente a produción exposta.

Este edificio alberga unha colección moi numerosa, iniciada a comezos dos anos trinta, cando o propio artista de Rianxo lle entregou algúns dos seus traballos. Debemos ter en conta que o recoñecido Museo se creou en 1927 e que Castelao foi un dos seus fundadores.

Ocorréusenos, ás dúas profesoras que impartimos clase de Lingua e Literatura galega en 4° de ESO, que os alumnos e as alumnas poderían crear textos a partir das imaxes de Castelao que figuran no Museo, e tamén consultamos os álbums e os libros que se achan na biblioteca do centro. Como resultado desta cativadora tarefa ficaron uns interesantes comentarios. Estes textos, coas ilustracións inspiradoras, expuxéronse na biblioteca do 19 ao 23 de decembro.

A Marquesiña

Castelao

Nós

Texto: Rocío Saavedra

Debuxo: Paula Mirre, inspirado no de Castelao

Este relato de Castelao, que pertence ó libro titulado Cousas, caracterízase, ademais de polo seu sintetismo, pola ironía empregada.

Trata dunha moza que apenas tiña que comer e a súa nai traballaba na casa do marqués. Era pobre, andaba descalza, ía á fonte a depenicar patacas, non ía á escola e, aínda así, chamábanlle a Marquesiña.

Nestas breves liñas atopamos a ironía, como xa temos sinalado, xa que supoñemos que a moza era filla do marqués, como acontecía antigamente, cando a nobreza tiña todo tipo de poder sobre os seus vasalos, mesmo o dereito de “pernada”, e deste xeito vén ao mundo a Marquesiña, que non tivo a sorte de poder estudar nin de tan sequera calzar zapatos.

Unha nova visión de A Marquesiña

Texto: Montse Martínez-Piñeiro Suárez-Noguerol

Neste texto, Castelao elabora unha crítica, cun humor irónico pero ao mesmo tempo profundo e poético, da inxusta situación que sufrían as nenas labregas galegas. Para expresar isto, escribe un relato que ten como protagonista unha nena de familia moi pobre, a quen lle chamaban a “Marquesiña”; pero xamais disfrotou de luxo ningún, pois tiña que traballar e non podía ir á escola. Só lle dicían así porque a súa nai traballaba de xornaleira na casa dun marqués. Con isto, Castelao ponlle unha nota de humor acedo á narración e á ilustración que a acompaña.

Castelao

O negro panchito

Vou contanvos un conto moi triste

Texto: Alexandra Balbás Calvo

Dona Micaela era unha muller fidalga que quería ter fillos, pero perdeu os cinco froitos dos seus amores e meteunos en tarros de augardente. Entón decatouse de que endexamis aloumiñaría ningún neno. Coidou os recipientes e, xa de vella, unha criada confesoulle que lle caera un destes e escachara. Daquela dona Micaela esmoreceu para sempre.

Este relato pertence a un libro de Castelao titulado Cousas. A historia que conta é a dunha muller fidalga que ten como único obxectivo na vida ter fillos, pero non o consegue. Eu penso que esta narración critica a falta de metas, é dicir, a muller fidalga céntrase nun só obxectivo na vida e non busca alternativas. Gustoume moito o texto, pero pareceume moi triste.

Chegou das Américas un home rico

Texto: Rafael Araujo

É a historia dun emigrante galego que volve convertido nun home rico. Isto podíalle pasar a uns poucos, pero non era habitual, senón que a maioría morría ou enfermaba gravemente antes de regresar á súa terra.

O indiano trouxo consigo un negriño, como quen trae calquera tontería, igual que se fose un xoguete. Aquí descubrimos a desigualdade social dado que seguramente mercou o negro por poucos cartos. Naquela sociedade había moitos prexuízos sobre a xente de cor negra e por iso seguramente Castelao escribiu esta historia.

Castelao

Algúns debuxos

O rapaz aprendeu todo o que tiña que saber da vida e da cultura galega: bailaba muiñeiras, botaba aturuxos, ía ás festas con traxe e con sombreiro, como todos os mozos da vila... Ao morrer o seu amo, quixo emigrar, e un día foise cara a América nun trasatlántico; mais sentía saudade pola súa terra de adopción. Cando chegou á Habana, encontrou un home da aldea e díxolle: “Eu non quero vivir aquí, non me gusta a xente, eu morro”.

Ao final Panchito, que así se chamaba o negriño, sentíase identificado con Galicia. O autor de Rianxo revélanos que experimentaban os galegos fóra de Galicia, desarraigados, sen patria, e por iso querían voltar.

O debuxo de Castelao reproduce a Panchito cando vai ás festas. Resalta a súa cor negra e a min faime graza, porque eu nunca vira a un negriño vestido así.