Na catedral
Rafael Araujo, José Manuel Barreiro, Laura Bazán, Joheisy Bracho, Laio Fernández, Luis Fernández, Paula Mirre, Soraya Rodríguez, Raquel Rodríguez, Rocío Saavedra, Ciro Sotorríos, Andrés Suárez, de 4° B.
A historia de Mondoñedo está moi ligada á orixe da súa diocese. No ano 866 o bispo Sabarico obtén a tutela sobre a antiga diocese britoniense fundada por Maeloc no século V, e establece a sé en San Martín de Mondoñedo. Posteriormente, en 1112, por orde de dona Urraca, a sé trasládase á poboación daquela coñecida co nome de Vilamaior, hoxe Mondoñedo. Desde ese momento o pequeno pobo comeza a cobrar importancia, adquirindo en 1156, de mans do rei Alfonso VII, o título de “cidade” cos atributos de “muy noble y leal”.
No século XV un devastador incendio asolou a cidade por entón amurallada, polo que gran parte dela se reconstruíu. Neste mesmo século, o 17 de decembro de 1483, o mariscal Pedro Pardo de Cela foi executado na Praza da Catedral. Conta a lenda que tras a execución, a cabeza do Mariscal rodou pola praza repetindo as palabras: “Credo, credo, credo”.
No século XVIII Mondoñedo adquire novos aires barrocos, grazas en gran parte ás obras de dous bispos, Sarmiento de Sotomayor e Muñoz y Salcedo. En 1833, a cidade mindoniense deixa de ser capital dunha das sete provincias do Antigo Reino de Galicia e a partir de entón comeza a súa decadencia económica. Con todo, vai vivir un importante desenvolvemento cultural durante o século XIX.
Contemplando os órganos
Este antigo e prestixioso seminario, o terceiro que se fundou en España, tivo diferentes enclaves desde a súa edificación en 1583. Entre 1770 e 1775 construíuse gran parte do actual edificio, que vai sufrir diversas remodelacións e ampliacións ata acadar as dimensións que apreciamos hoxe.
A súa fachada é de pizarra escura con dúas pequenas torres nos extremos. No centro levántase un frontón que culmina cunha imaxe de Santa Catalina. No seu interior conserva unha biblioteca con 25000 volumes, entre os cales destacan 28 incunables e un manuscrito de finais do século XIII.
Érguese fronte ao Pazo Episcopal e coñécese tamén como a Fonte de Álvaro Cunqueiro. A súa orixinal arquitectura data de 1548 e está formada por dúas partes, unha exterior e outra interior. A exterior presenta un frontispicio de arco grande –con dous escudos do bispo promotor e as armas imperiais de Carlos V–, e unha escalinata semicircular descendente; a parte interior consta dunha cámara abovedada con pións para recoller a auga.
Desde a fonte podemos contemplar a casa en que naceu o sobranceiro autor de Merlín e familia.
A carón da virxe inglesa
Tras un incendio no século XVI, este edificio sufriu varias modificacións ata a súa reconstrución no século XVIII, en tempos do bispo Riomol y Quiroga, cuxo fermoso escudo apreciamos na fachada. Máis tarde, o bispo Cuadrillero y Mota mandou construír a fachada lateral, coñecida como “del mediodía”, co seu propio escudo.
Desde a Fonte Vella dirixímonos pola rúa Álvaro Cunqueiro, que continúa na rúa de San Roque, ata a capela de San Roque, realizada no século XVI. Fronte á capela sae un canellón cara á esquerda a través do cal accedemos á praza Muíños de Abaixo. Aquí descubrimos un obradoiro de cerámica, as canles que caracterizan este barrio, algún muíño testemuña de tempos pasados, pequenas pontes e lavadoiros e mais a Fonte dos Pelamios, cos seus catro canos de fluír constante. Na parte da praza dos Muiños de Arriba topamos coa Capela de Santiago, do século XVI, e coa histórica Ponte do Pasatempo.
No museo
Esta ponte sobre as augas do río Valiñadares, de estilo romano, foi testemuña dun importante feito histórico. Aquí, a esposa do mariscal Pedro Pardo de Cela, dona Isabel de Castro, que traía o indulto real para o seu marido, resultou “entretida” por uns inimigos que lle saíron ao paso, mentres o Mariscal era executado na Praza da Catedral. Desde entón, a antiga ponte dos Ruzos é coñecida como a Ponte do Pasatempo.
A orixe desta “tarta” pérdese no tempo. A máis antiga noticia que temos dela é o que recolle o Libro de Pedra. Relátanos este volume as aventuras do Rei Cintolo, e nas súas páxinas aparece a primeira receita do recoñecido doce. Aló polos séculos XII e XIII, os canteiros que construíron o Pazo de Xelmírez en Santiago de Compostela deixaron para a posteridade, realizada en pedra, nun capitel do comedor do pazo, unha fermosa “tarta” que acompaña o pan, o xerro do viño e o queixo. Tan agradable bocado ficou durante moitos séculos a disposición de bispos e conventos, pero onde se garda, usa e perpetúa a súa receita é no Pazo dos bispos mindonienses. Ao longo do tempo, a receita chegou á cociña dos fogares de Mondoñedo. Cada familia cocía o seu pan, ou levábao ao forno comunal a cocer, e con el ían, ademais, a empanada e a “tarta” . Cando xa se compra o pan na panadaría, aparecen os pasteleiros profesionais, entre os cales sobresae o Rei das Tartas.
Continuamos no museo
A “torta” de Mondoñedo foi e segue a ser denominada “tarta” por mor dos bispos castelán-falantes. En galego dise “torta” ou “bica”; mais, quen se atreve a romper a tradición???
Alexandra Balbás, Jorge Ferreiro, Óscar Longueira, Montse Martínez-Piñeiro, Pablo Pardo, Iris Pena, Edgar Rama, , Miguel Trobo, de 4º A.
A Catedral ou Basílica da Asunción é o edificio máis importante e antigo da cidade. A súa construción comeza en 1219 e conságrase en 1248, en tempos do bispo don Martín. Realízase no estilo románico con influencias cistercienses. O interior conserva gran parte da obra primitiva. Destacan: a Capela Maior, as pinturas murais da nave central, a Capela do Santísimo Sacramento ou da Virxe Inglesa, a Capela da Concepción e o cadeirado do Coro.
Entre os séculos XVI e XVII abriuse unha nave para obter maior amplitude, destruíndo as primitivas ábsidas laterais, feito este que afectou seriamente á Capela do Santísimo Sacramento. Prolongáronse as naves laterais en liña recta e uníronse os extremos cun tramo recto paralelo á fachada.
Visitamos a estatua de Cunqueiro
No século XVIII, baixo a iniciativa do bispo Muñoz y Salcedo, realízase unha importante modificación na fachada. As tres grandes naves e a súa portada románica víronse enmarcadas en dúas torres cadradas de tres corpos con balaustrada, adornos e cúpulas. Agregáronse, ademais, molduras e follaxes ás ventás laterais e levantouse no centro un macizo cuadrangular coa imaxe da Virxe baixo coroa real. Para rematar o conxunto, colocouse unha impoñente estatua de San Rosendo.
No século XVIII engadiuse un tramo máis a cada lado do cruceiro. A obra realizouse sendo bispo Cuadrillero y Mota.
Na nave central, baixo os órganos barrocos, descubrimos estas pinturas de finais do século XV. Mirando cara ao retablo maior á esquerda, están representadas escenas da vida e do martirio de San Pedro e, en fronte, a Degolación dos Inocentes.
Son de estilo gótico lineal iniciado en Francia no século XIII. Os temas son tratados con sinxeleza, feito que produce que o contido sexa accesible a calquera persoa que as contemple.
Sobre a bóveda do cruceiro represéntanse escenas do Antigo Testamento, obra do mestre Terán no século XVIII, autor así mesmo dos murais da Capela Maior.
Este Museo, considerado un dos mellores de arte sacro de Galicia, conserva unha exquisita e variada colección de pezas. Disponse en grandes salas sobre as naves laterais da Catedral, configurando un marco inmellorable para expor o seu contido.
Na praza da catedral
A viaxe que realizamos o día 22 de marzo á vila de Mondoñedo resultou interesante, xa que descubrimos un lugar que en Cunqueiro influíu enormemente, tal como apreciamos en Merlín e familia ou en Escola de menciñeiros. A Fonte Vella, situada en fronte da casa onde naceu Álvaro Cunqueiro e que o autor rememora nas súas páxinas, non nos chamou especialmente a atención. Despois de tirar unhas fotos neste lugar, dirixímonos á Catedral, onde unha guía italiana nos comentou os aspectos arquitectónicos e os motivos das pinturas da Basílica. Logo visitamos o Museo, que contén numerosas tallas e pinturas. Rematada a visita, dirixímonos á Praza da Catedral, que se acha en fronte da Fraga da Silva, na procura da estatua de Cunqueiro; a seguir desprazámonos cara ao Barrio dos Muíños, onde se atopa a Ponte do Pasatempo. Para rematar, percorremos o Cemiterio Vello, para comprobar se na lápida da tumba do sobranceiro escritor mindoniense realmente se recolle a súa vontade de que se escribise: “Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.
A casa de Cunqueiro
Cando chegamos a Mondoñedo, pasamos preto do Seminario de Santa Catalina, un gran edificio que destaca pola súa antigüidade. A seguir achegámonos á casa onde naceu Cunqueiro, ao lado da cal se atopa a Fonte Vella, manancial de inspiración do autor mindoniense.
De seguido, fomos visitar a Catedral, un gran edificio con dous órganos dourados e con pinturas nas paredes que representan a Degolación dos Inocentes. Á saída ficamos na praza externa contemplando as grandes torres da Catedral. Logo visitamos o Barrio dos Muíños, coa Ponte do Pasatempo, que me i mpactou debido ás augas cristalinas que pasaban por debaixo; alí deixamos caer un limón, e permanecemos quedos mirando que sorte corría… Ao final da mañá, algúns do grupo desprazáronse ata o Cemiterio Vello, onde se atopa a tumba de Cunqueiro.
A viaxe a Mondoñedo durou dúas longas horas en autobús. Acadamos o noso destino e comezamos pola Fonte Vella, situada en fronte da casa natal de Álvaro Cunqueiro. Seguimos camiñando polas húmidas rúas da vila mindoniense ata chegar á Catedral, onde nos recibiu unha guía para explicarnos a historia da Basílica e onde puidemos ver dous órganos enormes, tallas de santos, pinturas murais... Pero o que máis me impresionou foi o Museo Catedralicio, que alberga unha colección do calzado que utilizaron os bispos da Catedral de Mondoñedo desde que se construíu ata hai moi pouco tempo.
Ao saír fomos visitar a estatua de Álvaro Cunqueiro. A continuación dirixímonos á confitaría do famoso “Rei das tartas”, onde degustamos algunha das súas especialidades. Despois dun intervalo de media hora que nos permitiu deambular polo centro histórico desta pequena vila, continuamos cara ao barrio dos Muíños, coa súa Ponte do Pasatempo.
Antes de saír, dirixímonos ao Cemiterio Vello, derradeira morada de Cunqueiro.
A fonte vella
Cando chegamos a Mondoñedo, despois dunha viaxe de dúas horas en autobús, o primeiro que me chamou a atención foi o Seminario, un edificio grande e antigo, moi bonito, con aparencia de internado. Logo fomos visitar a Fonte Vella e a casa de Cunqueiro. Seguidamente desprazámonos ata a Catedral, o edificio que máis me impresionou, coas súas paredes adornadas con pinturas. Tamén me impactaron os órganos, xa que estaban situados enriba das nosas cabezas. Ademais, vimos o Museo Catedralicio, que contén unha colección de arte sacra certamente relevante.
A continuación, percorremos o Barrio dos Muíños, coa Ponte do Pasatempo, onde detiveron a esposa do Mariscal Pardo de Cela, que non puido chegar a tempo co indulto para evitar a degolación do Mariscal.
(alumna exenta da materia de Lingua galega, pero que demostrou ao longo deste ano escolar un entusiasmo digno de mención!!!!!).
A lápida da tumba de Cunqueiro
O primeiro que vimos en Mondoñedo foi a casa natal de Cunqueiro, que se atopa xusto en fronte da Fonte Vella, lugar no cal se inspirou o recoñecido autor para escribir moitas das súas páxinas.
Tamén visitamos a Catedral e o Museo catedralicio, a estatua de Cunqueiro e a súa casa. Por último, percorremos o Cemiterio Vello onde está soterrado o autor.
A visita á vila mindoniense gustoume porque, a pesar de ser un pobo moi pequeno, coñecemos as orixes deste “fabulador” cuxa obra estudamos en clase.