Xosé Ignacio Taibo
Nacho Taibo
Presentación, realizada polo alumno de 1° de Bacharelato, Juan Bautista Hermo:
Fillo de pais galegos, X. I. Taibo naceu en Madrid en 1949, cidade na cal viviu ata os 27 anos. Segundo el mesmo nos ten confesado, pasou por un lento pero firme proceso de recuperación dos seus conceptos sobre Galicia, e por iso veu vivir á nosa terra. Daquela xa escribía en galego. Desde 1975 publicou varios libros de narracións breves: Os inmortais, O fotógrafo, Pacífico sul..., novelas: A semancia, Homes de ningures (premio da Crítica Española, sección Narrativa en Lingua Galega, en 1978), Por tras dos meus ollos, Salvador de Occidente..., e algún libro de divulgación como Os partidos políticos en Galicia.
Taibo é certamente unha voz orixinal nas nosas letras. Posúe un persoalísimo enfoque do proceso narrativo e mais unha extraordinaria potencia estilística.
Resumo da conferencia pronunciada na biblioteca, o 19 de novembro.
Crear desde as lendas, a historia, os mitos…
Notas de programa:
Conferencia de Nacho Taibo
- As lendas cultas como fonte de pracer.
- A exploración desas lendas por medios modernos —privilexiadamente, sen saír da casa, internet— como fonte fascinante de divertimento e de descubertas incesantes.
- A relación insospeitada que aparece entre os mitos e a historia, entre a literatura —en especial a medieval—, as lendas e as realidades históricas, entre a literatura galega medieval, a literatura provenzal e as épicas do seu tempo:
- Eleanor de Aquitania, Ricardo Corazón de León, Berengaria de Navarra, unha Excalibur que o Corazón de León regalou antes da Terceira Cruzada, os cabaleiros da Mesa Redonda…
- Eleanor de Aquitania, Ricardo Corazón de León trobador, Ivanhoe, a lírica provenzal con Raimbaut de Vaqueiras paralela á lírica galega co Martín Códax...
- A frustrada peregrinación a Compostela do primeiro trobador, Guilhem de Aquitania.
- A viaxe no tempo grazas ás bibliotecas, á internet, á ambientación mediante a música antiga e a arte da época...
- O cinema sobre a Idade Media: o ciclo artúrico, Walter Scott...
Feitos concretos:
Conferencia de Nacho Taibo
- A viaxe de Paio Soutomaior a Turquía en 1401-1403, a súa presenza na batalla de Ancara e a amante que de alá trouxo a Pontevedra.
- Os códices falsos, os poetas falsos, a cauta cronoloxía da lírica galega medieval.
- Benito Soto, pontevedrés, asasino e pirata da realidade.
- A historia da propia familia como fonte de mitos, lendas e coincidencias no pasado.
Aínda que estaba previsto dedicar outra parte importante ás lendas derivadas da Odisea, os temas sobreditos consumiron todo o tempo.