Seis personaxes na procura de autor, de Luigi Pirandello

pirandello

A obra

Peza dramática representada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 19 de outubro. Os alumnos e as alumnas de 1° de Bacharelato consultaron na biblioteca a seguinte bibliografía:

Algunhas consideracións dos alumnos e das alumnas:

Juan B. Hermo
pirandello

No Teatro Principal

Foi un pracer ir a Santiago e gozar coa obra Seis personaxes á procura de autor. Aínda que esta peza de Luigi Pirandello se estreou en 1921, Xulio Lago, o director, o equipo técnico e o elenco de actores e actrices realizaron un magnífico traballo para escenificala e adaptala ao galego.

Agora, despois de ver a obra, decátome do gran papel que representan Miguel Pernas e Muriel Sánchez, (“pai” e “fillastra”, respectivamente); por iso, antes de rematar estas liñas, quixese convidar os alumnos e as alumnas de Bacharelato a que vaian vela, pois de seguro que non ficarán indiferentes perante a técnica do metateatro, que tamén podemos apreciar en O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca de Álvaro Cunqueiro.

Ana Yaiza Carballido

Desde o meu punto vista, este drama resulta moi interesante e cativador grazas á técnica do metateatro na cal nos adentra Pirandello, autor siciliano (1867-1936).

Neste sentido, a obra posúe unha conexión entre a vida e o teatro, ao igual que a realidade e a ficción.

A miña opinión favorable respecto desta peza teatral non só se centra na propia historia, senón tamén nos personaxes e, como non, na súa interpretación enriba do escenario. Foron capaces de facernos rir, de que nos invadisen sensacións de tristura, sorpresa, intriga e de desacougo. Mais, no meu parecer, as dúas mellores representacións foron as dos dous protagonistas, o “pai” e a “fillastra”.

Para concluír, quero expresar de novo que foi un inmenso pracer asistir á representación de Seis personaxes á procura de autor, e gustaríame recomendala a todo o alumnado de Bacharelato.

pirandello

Don Hamlet

Violeta Sánchez

A obra Seis personaxes á procura de autor pareceume excelente. A min, particularmente, encantoume en tódolos sentidos e non imaxinaba o final. O primeiro de todo que vou resaltar é a escenografía, que non presentaba demasiado decorado, pero o suficiente para salientar o labor dos personaxes. Ademais, a vestimenta ía moi de acordo cos actores e coas actrices, aínda que ás veces resultaba un pouco barroca. As criaturas que estaban a ensaiar cando chegan os “seis personaxes”, levaban uns traxes antigos, cunhas cores que contrastaban pero que á súa vez parecían elegantes, tendo en conta que estamos a falar dunha roupa de hai moitos anos. Pola contra, os “seis personaxes” vestían todos de negro porque estaban de loito; a cor negra, no meu parecer, simboliza a tristura que sentían. Asemade, fixámonos que a súa maneira de vestir denota unha procedencia humilde. Con todo, podemos observar que o fillo que manifesta indiferenza pola súa nai non ía de loito e levaba unha vestimenta vella, emblema da súa orixe humilde e, se cadra, do seu retraso mental. A meniña vestía toda de branco, porque ela simbolizaba a alegría e a pureza.

Para rematar, quixese lembrar que a peza de Pirandello acolle a unhas criaturas que buscan un autor que poida escribir un guión sobre a súa vida, que eles lle van relatando devagar.

Beatriz Carballo

A peza teatral titulada Seis personaxes á procura de autor foi escrita por Luigi Pirandello. Este autor utiliza a técnica do metateatro ou, o que é o mesmo, introduce o teatro dentro do teatro, procedemento que lle permite romper cos moldes da dramaturxia tradicional. Trátase dunha técnica que Álvaro Cunqueiro tamén utilizou en varias das súas obras.

Os protagonistas, como o propio título indica, son seis personaxes que queren relatar o drama da súa vida; desexan representalo, pero necesitan un autor para poder facelo. Estas criaturas (o pai, a nai, a fillastra, o fillo, o raparigo e a nena) irrompen nun teatro no momento en que os actores e as actrices e mais o director se atopan ensaiando unha comedia, e convencen a este último para que lles permita levar a cabo o que desexan.

Dende o meu punto de vista, esta obra é innovadora e diferente, polo que me gustou moito. Penso que o elenco é extraordinario, así como o enfoque que o director lle conferiu á peza. Ademais, era a primeira vez que vía teatro en galego, e gustaríame repetir a experiencia.

pirandello

Antes da representación

Dolores Maraude

A obra de teatro que fomos ver a Santiago gustoume moito. Ao principio non entendía o argumento, pero co seu transcurso puiden comprendelo perfectamente. Eu penso que é moi boa sobre todo polo papel que desempeñan dous personaxes que protagonizan a maior parte das escenas. Trátase de Muriel Sánchez e de Miguel Pernas. A rapaza, desde o meu punto de vista, transmitía o drama que ela estaba a representar, de maneira que o espectador mantiña unha extrema atención e curiosidade polo que acontecía no escenario. Por outra banda, Pernas chama a nosa atención pola súa voz e pola súa actuación.

Por último, quixese expresar que o texto da obra é excelente, e fascinoume a paixón dos personaxes ao recitalo fronte ao público. Tampouco debemos esquecer que a peza foi escrita polo autor siciliano Luigi Pirandello; de feito, aparece unha dama recitando en italiano, un idioma que me cativa. Persoalmente, agradoume ese contraste do galego coa lingua italiana.

Despois de ter acudido a esta representación, se podo vou repetir a experiencia, porque merece a pena.

Diego Gómez

Seis personaxes á procura de autor trátase dunha obra na cal Pirandello emprega a técnica do metateatro, é dicir, recrea o teatro nunha peza teatral. En relación con este procedemento tamén podemos citar outros sobranceiros autores como Shakespeare, Valle-Inclán ou Cunqueiro, con O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca.

O autor de Agrigento crea unha obra na cal seis personaxes, cun drama moi doloroso, buscan un autor para poder representar a súa vida nun escenario. Estas criaturas proporcionan unha serie de argumentos para convencer un director que está a representar a súa propia comedia, para que sexa o seu autor.

No meu parecer, este drama consegue que o espectador permaneza atento ás vivencias dunhas persoas que se atopan en escena, entre as cales cómpre destacarmos dous personaxes clave nesta representación do Centro Dramático Galego, ou sexa, Muriel Sánchez (a “fillastra”) e Miguel Pernas (o “pai”).

pirandello

Despois da representación

Brais López

En primeiro lugar, cabe dicirmos que é unha obra orixinal que, no seu tempo, foi certamente innovadora, pois móstranos o teatro dentro do teatro. O chamado metateatro. Pero, para continuar, e segundo a miña opinión, tivo partes moi repetitivas, nas cales se volvía sempre á mesma idea: quen representaría? Quen sería quen?

Con todo, fixándose noutros aspectos, como a interpretación dos papeis, encontrámonos con que varios dos actores e das actrices levaron a cabo unha excelente representación; podemos destacar, por poñer un exemplo, a Miguel Pernas, que interpretaba o papel de pai.

Despois disto cabe resaltar ademais, no meu parecer, que o remate foi o mellor, e o que máis me sorprendeu.

Reinaldo Aarón González

Para comezar, quixese confesar que a obra non me parecía de moito interese; pero cando empezaron a entrar en escena os seis personaxes, comecei a interesarme ata que rematou.

A primeira escena resultoume desconcertante, xa que non sabía o que ía ocorrer. Despois, acordeime do meu papel de “pai” interpretado en clase, pois leramos o primeiro acto o día anterior da representación do Centro Dramático Galego en Santiago.

En xeral, a obra gustoume dado que nunca vira tal cousa nun escenario, e o final sorprendeume realmente. O personaxe que máis me impactou foi o “neno suicida”, pois a súa actuación non a esperaba, ata me asustei.

En resume, no meu parecer, esta peza de teatro é moi boa. Se Santiago de Compostela non se atopase tan lonxe, volvería vela de novo.

Antonio Rodríguez

Antes de comentar a obra, quixese expresar que o local onde se representaba gustoume moito; naquela sala, a proximidade do espectador cos actores e coas actrices é excelente. Porén, debo recoñecer que poucas veces asistín á representación de pezas de teatro.

Volvendo ao tema que nos ocupa, gustaríame dicir que os primeiros minutos, cando chegan os seis personaxes á procura dun autor, na miña opinión, fanse un pouco pesados; pero, pasado este tempo, quedei gratamente sorprendido pola interpretación de dous actores, Miguel Pernas, que desempeña o papel de “pai” e, sobre todo, de Muriel Sánchez, posto que cambiaba de estado de ánimo como se nada: de súpeto podía estar chorando e ao momento ría que non podía parar.

Polo que se refire ao tema da obra, cabe sinalarmos que se basea na análise psicolóxica de seis personaxes, non en van estaban de moda as teorías de Freud na época en que Pirandello escribe a súa peza teatral.

Por último, quixese recomendar Seis personaxes á procura de autor a todos os alumnos e alumnas de Bacharelato, porque para o alumnado de ESO pode resultar confusa, posto que a técnica do metateatro desenvolta por Pirandello é pouco convencional.

Iago Varela

Primeiramente, gustaríame considerar como unha obra mestra este drama de Pirandello, pois penso que merece unha dedicatoria especial.

Entrando no terreo persoal, a primeira impresión que causou en min foi a de profunda sorpresa, xa que nunca vira unha representación de estilo similar. Isto é, de temática metateatral. Agora ben, o transcorrer da historia fíxoseme un tanto longo, xa que sempre se localizaba no mesmo lugar e rondando o mesmo tema. Basicamente, preséntasenos o conflito existente entre o papel desempeñado polos autores e os seus personaxes de ficción. Neste caso, os personaxes de ficción son os que se achegan ao teatro en busca dun papel.

A representación pareceume moi boa, sobre todo no aspecto expresivo. De entre todos os actores e actrices, quedo con Muriel Sánchez.

Concluíndo, creo que esta obra é digna de, polo menos, considerala. Ao fin e ao cabo, está ao alcance de todos nós.

Alejandro García

En canto á obra se refire, gustaríame destacar que foi moi amena, aínda que un pouco longa. O tema pareceume moi innovador e interesante, e a peza estivo excelentemente representada. Era a primeira vez que acudía ao teatro, e a verdade é que non me defraudou. Os actores e as actrices representaron o seu papel dun xeito marabilloso, conseguindo así manter o auditorio atento dende o primeiro minuto ata o remate da mesma.

Houbo diversos momentos que, no meu entender, foron máis interesantes como, por exemplo, cando os personaxes aparecían polo corredor provocando unha interacción co público, que divertiu os asistentes.

Aldana Meiro (alumna exenta da materia de Lingua Galega)

A mi modo de ver, la obra estuvo muy bien; me gustó mucho. Los actores y las actrices son excelentes: su expresión, junto con la vestimenta acorde, la escenografía y el ambiente que crearon me resultaron conmovedores.

Seis personajes en busca de autor, así se titula, es intensa, fuerte y dramática. Todo el tiempo se intentan mostrar los dolores y las penurias de estos personajes que necesitan ser escuchados. El drama se encuentra dentro de la técnica del metateatro y, en mi caso, es la primera vez que asisto a una representación similar.

Me pareció interesante meterme dentro del teatro, lo que está antes de la actuación, y también fueron muy relevantes las historias de unos personajes abandonados por su autor. Estas criaturas tienen una vida dura, que no pueden cambiar, y buscan representarla. Al final de la obra hai un momento muy impactante que es cuando se produce el suicido del “niño” y el momento en que la “niña” más pequeña muere ahogada. Con este hecho vemos como viven y sienten intensamente sus angustias. Sin lugar a duda, se trata de una representación interesante; tendríamos que repetirla.

Francisco Martínez

A miña opinión sobre a obra Seis personaxes á procura de autor é que me pareceu fantástica. Gustoume moitísimo debido a que resulta entretida e asemade dramática.

Ao comezo non entendía moi ben o argumento; non comprendía cando, de repente, aparecen os seis personaxes no medio do escenario da peza teatral que se está a ensaiar; pero, ao cabo duns minutos, comecei a entender o que acontecía.

Os actores e as actrices representaron dun xeito excepcional o seu papel. No meu parecer, Muriel Sánchez, a rapaza que encarnaba a “fillastra”, actuou realmente ben: había momentos nos cales pasaba de estar rindo a poñerse a chorar, berrar, sufrir... E iso, supoño eu, resulta moi difícil.

Gustoume, igualmente, a posta en escena, e o vestiario. Antonio Simón conseguiu combinar dun modo excelente traxes dos anos 30 con vestimenta de auténtico e rigoroso loito. En conclusión, a peza pareceume sensacional.