A ANPA ARCE NEIRA VILAS REALIZOU AS XESTIÓNS NECESARIAS PARA QUE ESTE PROXECTO PODA SER UNHA REALIDADE, CONTANDO CO APOIO DO CONCELLO DE OLEIROS DENDE O PRIMEIRO MOMENTO
O Concello está disposto a asumir o 50% dunha cuberta para a polideportiva do IES Neira Vilas
Oleiros, 19 de marzo de 2018-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mantivo esta mañá un encontro co xefe territorial de ensino, Indalecio Cabana, para demandarlle a construción dunha cuberta na pista polideportiva do IES Neira Vilas. Aínda que a Xunta de Galicia ten a competencia en exclusiva sobre os centros de ensino de secundaria, o Concello de Oleiros estaría disposto a asumir o 50% do custo da instalación dun teito na zona deportiva do instituto de Perillo.
“É unha obra que ten que facer a Xunta. Aínda que nos colexios de primaria si que hai cuestións que ten que asumir o Concello, nos centros de secundaria a Consellería de Ensino ten as competencias en exclusiva, pero estamos dispostos a aportar o 50% para que o alumnado do instituto de Perillo teña unha pista polideportiva cuberta. Aí está o noso compromiso. Agora agardaremos a decisión que adopta a Consellería”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.