BACHIBAC

Bachibac é un programa de dobre titulación que brinda ao alumnado a posibilidade de acadar simultaneamente o Título de Bacharelato español e o Diplôme du Baccalauréat francés ao remate dos seus estudos de Bacharelato, unha vez superados estes e aprobado o exame oficial (proba externa) do programa.

Este programa de excelencia naceu dos acordos entre os gobernos de España e Francia, asinados en 2005 e 2008, e ríxese pola normativa legal desenvolvida con posterioridade, na que se establece o currículo mixto do Bachibac, así como polas resolucións anuais, tanto da Secretaría de Estado de Educación do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes, como da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa da Xunta de Galicia, nas que se ditan as instrucións relativas ao seu funcionamento.

Toda a información sobre a normativa, implantación en España e características do programa, así como modelos da proba externa e recursos didácticos, está recollida na seguinte web:

Actualmente, o programa é cursado por alumnado excelente en case dous centenares de centros escolares de Francia e de España. En Galicia, o noso instituto é o único que o imparte.

No IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas o Bachibac implantouse de xeito experimental no curso 2014-2015 e no curso 2016-2017 aprobouse a súa reglamentación oficial. Con posterioridade, o plan de estudos ten experimentado diversas modificacións para adaptarse aos sucesivos cambios nas leis educativas.

O alumnado que se incorpora ao programa no noso centro debe cursar as materias do currículo mixto do Bachibac (Lingua e literatura francesa e Historia de España e Francia) e, ademais, debe cursar en francés un terzo do horario lectivo do Bacharelato, ter dúas horas máis de clase á semana (o xoves pola tarde), realizar unha inmersión lingüística en Francia no primeiro ano do programa e superar a proba externa no remate do segundo.

A explicación detallada sobre o programa no noso centro (condicións de acceso ao programa, plan de estudos, vantaxes que implica cursalo, xestións administrativas, etc.) poden consultarse no seguinte documento: INFORMACIÓN PROGRAMA BACHIBAC

O programa permite o acceso tanto á universidade española como francesa e, sobre todo, ofrece ao alumnado a oportunidade de ampliar a súa formación académica coa aprendizaxe de contidos e metodoloxías propios do sistema educativo francés, adquirir un coñecemento profundo da lingua e cultura francesa e enriquecer a súa experiencia persoal e vital. Por todo iso, tamén require do alumnado que se incorpora a el a motivación precisa e o interese cara á cultura de Francia, o coñecemento do francés (nivel B1) e a capacidade de esforzo e traballo que garanta a súa superación con éxito.

Instituto de Ensino Secundario Plurilingue Xosé Neira Vilas. Perillo (Oleiros)