O ESTUDO FÁCIL

Dende hai xa varios anos a Anpa Arce Xosé Neira Vilas recoñece a importancia que ten saber estudar para que o alumnado poida acadar uns bos resultados académicos sen renunciar a outras actividades que tamén contribúen á súa formación integral como persoa.

Facilitar o coñecemento das técnicas de estudo ao alumnado do noso centro pasou a se unha das nosas prioridades, dándolle forma a través da actividade extraescolar de Técnicas de estudo grazas ao traballo e bo facer da pedagoga e especialista Belén Pérez Sanmartín.

Tras varios anos de excelentes resultados no noso centro comezamos este curso cun novo proxecto, en colaboración co departamento de Orientación, para incluír un programa específico de técnicas de traballo intelectual para o alumnado de 1º de ESO, por ser o ano de incorporación ao centro escolar o que entraña maior esforzo organizativo a nivel académico.

O devandito programa consta de catro sesións, que se desenvolven durante as titorías do mes de novembro e serán impartidas pola pedagoga e especialista Belén Pérez Sanmartín, pioneira na implantación desta materia na nosa comunidade escolar.

A nosa anpa faise cargo da totalidade do financiamento para o curso de 1º ESO, esperando que o alumnado e as súas familias poidan aproveitar esta gran oportunidade.

Este programa de técnicas de estudo tamén se oferta coma actividade extraescolar da anpa do instituto os xoves en horario de 16:15 a 17:55h e sen límite de idade para todo o alumnado que o precise.

A Xunta Directiva da Anpa Arce Xosé Neira Vilas

Deixar unha resposta