Durante o curso 2017-18 o IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas ten a sorte de poder contar con Natalie Honan, “English Teaching Assistantship” do prestixioso programa Fulbright. Dito programa está patrocinado pola Oficina de Asuntos Educativos e Culturais do Departamento de Estado dos Estados Unidos xunto co sector privado, tendo como obxectivo o financiamento de proxectos de investigación, formación e/ou ensino en diferentes países.
Natalie incorporouse ao noso centro o pasado 15 de setembro procedente de Phoenix, Arizona (USA). Está graduada en Bioloxía polo Pitzer College (Claremont, California, USA) e formará parte do equipo docente do instituto ata o 15 de xuño. Esta semana comezou a súa actividade docente cunha gran aceptación por parte do profesorado e alumnado.
Dende aquí queremos darlle unha cálida benvida! Consideramos que a súa colaboración coa sección bilingüe de Física e Química, e co Departamento de Inglés, repercutirá moi positivamente no nivel de competencia lingüística de toda a comunidade educativa implicada.