AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO PARA O ALUMNADO DE 2º ESO

De acordo coa Resolución do 13 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2025/26 (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49333), do vindeiro luns 13 ao venres 17 de abril realizaranse no noso centro as probas de Avaliación de diagnóstico de 2º ESO.
Ao ser centro E-Dixgal, este curso, como novidade, o alumnado realizará as probas integramente de forma dixital, empregando os seus equipos E-Dixgal, e farao durante as dúas primeiras horas lectivas de cada un dos días citados na súa aula de referencia. Lémbrase que, como en cursos anteriores, estas probas non teñen ningún efecto académico na cualificación do alumnado, senón que perseguen o obxectivo de avaliar o grao de adquisición das competencias en Matemáticas, Lingua galega, Lingua castelá, Lingua estranxeira: Inglés, Xeografía e Historia e Ciencias experimentais para poder mellorar a calidade do sistema educativo.