Arquivo da categoría: Alumnado

REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O PROGRAMA BACHIBAC

O vindeiro xoves, 30 de abril, ás 18:30 h. terá lugar no Salón de actos do centro unha reunión informativa sobre o programa de dobre titulación Baccalauréat-Bacharelato (Bachibac), que, dentro do sistema de ensino en Galicia, só existe no noso centro. A xuntanza está dirixida prioritariamente ao alumnado e ás familias do alumnado que actualmente cursa 3º e 4º ESO para que aquelas persoas interesadas en incorporarse ao programa en Bacharelato coñezan mellor como funciona, cal é o plan de estudos, que requisitos de acceso existen e outras cuestións de interese.

PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA LINGÜÍSTICA

Nos vindeiros días terán lugar as probas de acreditación da competencia lingüística en Francés e Inglés, para as que un número elevado do noso alumnado recibiu as axudas concedidas pola Consellería. O alumnado interesado xa foi informado en detalle das datas, horas e lugares de celebración, así como das características das probas respectivas e da documentación que teñen que levar para presentarse a elas. Pero a través desta nova preténdese transmitir ao conxunto da comunidade educativa a información básica:
– Probas de Inglés (Oxford): Terán lugar o mércores 15 de abril, de 16:00 a 21:00 h., no noso instituto. O alumnado interesado recibirá a indicación da quenda na que se ten que presentar por correo electrónico directamente da empresa examinadora.
– Probas de Francés (Delf Scolaire): 
> O exame escrito realizarase no IES Eusebio da Guarda da Coruña (entrada polas portas que dan ao paseo marítimo e fan esquina coa rúa Modesta Goicouría) o mércores 22 de abril, de 16:40 a 18:55 h. para o nivel B1, e o xoves 23 de abril, de 16:40 a 19:30 h. para o nivel B2.
> O exame oral terá lugar no noso instituto o mércores, 13 de maio, ao longo da mañá (cada alumno/a está convocado/a a unha hora concreta).
No caso das probas de Inglés, os resultados son coñecidos o mesmo día das probas polo alumnado implicado. No caso das probas de Francés, o centro examinador, a Alliance Française de Coruña, enviará os resultados ao centro o día 12 de xuño.
Moita sorte a todas e todos!

AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO PARA O ALUMNADO DE 2º ESO

De acordo coa Resolución do 13 de marzo de 2026, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico de educación primaria e educación secundaria obrigatoria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2025/26 (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49333), do vindeiro luns 13 ao venres 17 de abril realizaranse no noso centro as probas de Avaliación de diagnóstico de 2º ESO.
Ao ser centro E-Dixgal, este curso, como novidade, o alumnado realizará as probas integramente de forma dixital, empregando os seus equipos E-Dixgal, e farao durante as dúas primeiras horas lectivas de cada un dos días citados na súa aula de referencia. Lémbrase que, como en cursos anteriores, estas probas non teñen ningún efecto académico na cualificación do alumnado, senón que perseguen o obxectivo de avaliar o grao de adquisición das competencias en Matemáticas, Lingua galega, Lingua castelá, Lingua estranxeira: Inglés, Xeografía e Historia e Ciencias experimentais para poder mellorar a calidade do sistema educativo.

CONVOCATORIA DE BOLSAS DE EDUCACIÓN DO MINISTERIO PARA O CURSO 2026/27

Dende o 7 de abril ás 08:00 h. ata o 18 de maio ás 15:00 h. está aberto o prazo para solicitar as bolsas do Ministerio de Educación, Formación profesional e Deportes para estudos postobrigatorios para o curso 2026/27, tanto para Bacharelato e FP (básica, media e superior), como para estudos universitarios (Grao e Máster). Toda a información pode consultarse no seguinte enderezo: https://www.becaseducacion.gob.es/becas-y-ayudas/fp-bachillerato-otros/tipos-de-becas.html

CONVOCATORIA DA PROBA EXTERNA DE BACHIBAC PARA O CURSO 2025-26

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa vén de publicar a convocatoria da proba externa do programa de dobre titulación de bacharel e baccalauréat (Bachibac) para o curso académico 2025-26 e de ditar instrucións para o seu desenvolvemento, que se poden consultar no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49421.
O alumnado de 2º Bacharelato que cursa este programa deberá inscribirse na proba externa, presentando o anexo I no centro, entre os días 7 e 10 de abril.
A proba externa terá lugar nos días e horas que se establecen nas citadas instrucións e se resumen no seguinte documento:

CALENDARIO DE FINAL DE CURSO DE 2º BACHARELATO

De acordo coa Instrución 2/2026, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se concretan prazos e aspectos do procedemento para as revisións e as reclamacións finais nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para o curso 2025/26 (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49359), publícase o calendario de final de curso de 2º Bacharelato e as datas importantes de avaliación, entrega de boletíns e períodos de reclamación, tanto da convocatoria ordinaria como extraordinaria:

Toda a información detallada sobre o procedemento de revisión e reclamación pode consultarse na citada Instrución, dispoñible no enlace anterior e na web do centro.