Todolos artigos de: Mercedes López-Mayán Navarrete

Novo sistema de xestión da Biblioteca: KOHA

O pasado mércores, 6 de outubro, produciuse a migración da antiga aplicación Meiga a Koha, o novo sistema de xestión bibliotecaria que, dende a Asesoría de Bibliotecas, se está a implantar progresivamente nos centros escolares de Galicia.

A nosa biblioteca foi unha das escollidas para levar a cabo o cambio no curso 2022-23. Dende que este comezou, o equipo de biblioteca leva traballando intensamente para preparalo todo e adaptarse e formarse no uso do novo sistema, que inclúe importantes melloras tanto no seu deseño como na súa funcionalidade para realizar as accións habituais de catalogación, circulación ou xestión de usuarios, entre outras moitas.

Dende agora o catálogo da nosa biblioteca pode consultarse en liña no seguinte enlace: https://iesneiravilas.edubib.xunta.gal/

COMEZA A HORA DE LER

O luns, 10 de outubro, arrinca a actividade “Hora de ler” nos catro cursos da ESO, como ven ocorrendo nos últimos anos baixo a iniciativa da Biblioteca. Cada día, en distintas horas segundo a semana, adícanse 20 minutos á lectura do libro escollido libremente polo alumnado.

O obxectivo desta actividade é o fomento da lectura, polo que se desenvolve co compromiso de todo o profesorado e tamén do alumnado, que debe dispoñer sempre de material de lectura en papel, ben traído da casa, ben collido en préstamo na nosa Biblioteca.

Moitas grazas a todos/as pola vosa colaboración e felices lecturas!