Arquivos da etiqueta: Warinca Arce

Graduación 2015

Orla 2014-2015
Orla 2014-2015

O venres 29 de maio celebrouse no noso centro a graduación do alumnado de segundo de Bacharelato. Ao acto asistiu o alumnado, as súas familias, representantes da comunidade educativa e a Concelleira de Deportes, Turismo e Formación e Emprego do Concello de Oleiros, Teresa Vázquez Maseda. A xornada comezou coa recepción das familias na entrada do centro para pesar posteriormente ao salón de actos onde despois da presentación  por parte do director Agustín Fernández Gago falaron a concelleira Teresa Vázquez Maseda en representación do Concello, a profesora de inglés, Warinca Arce González en representación do profesorado, Eduardo Blanco Pereira, pai de Antón Blanco, en representación das familias e Andrea Docampo Sánchez e Antón Blanco Rey en representación do alumnado. Acto seguido, o titor do grupo Jorge  Calle López e a profesora de inglés Warinca Arce Gonzalez  fixeron entrega ao alumnado dun diploma conmemorativo e unha memoria USB cun vídeo que recorda o seu paso polo centro. A foto de grupo e a visualización do vídeo dou paso á tradicional plantación da arbore, un gingko, nos xardíns do instituto. Un pequeno ágape concluíu a xornada no centro. O alumnado e o profesorado compartiron posteriormente unha cea nun restaurante de Santa Cristina .

Verníada

Todos no escenario Festa en Mera. O 16 de maio de 2009 culmina o noso “ano Verne”, o ano académico da multiculturalidade e a viaxe sen fin. No escenario do auditorio García Márquez rendemos homenaxe ao escritor de Nantes que en 1873 publicou “A volta ao mundo en 80 días”. E facémolo rodeados de alumnas e alumnos, profesoras e profesores, nais e pais, familiares que desexan pasear polo mundo ao son da música e da palabra, participando nun espectáculo literario-musical que se adiantou no entroido e que agora cobra forma para a posteridade.
A nosa “Verníada” viña precedida da lectura dun libro sen par -Matías recomendóunolo, fíxonolo amar-, dun ensaio xeral en entroido -no que Marián e Jesús xa escolleran as pezas musicais que ían dar forma a esta representación-, dunha proxección dos mellores intres da versión cinematográfica, datada en 1956 -Nacho fixo a selección-, dunha conferencia na I Semana Intercultural, dunha entusiasta participación de profesorado no traballo interdisciplinar da obra -Isabel Aller, José Antonio Rodríguez, Antón, Isabel, Goretti, Warinca, Carlos-. Só quedaba que máis dun cento de alumnas e alumnos do IES Neira Vilas subisen ao escenario de Mera para poñer en práctica un traballo do que nos sentimos orgullosos.
E así foi. Durante oitenta minutos viaxamos por todo o mundo igual que Fogg o fixera en oitenta días. Miriam, absolutamente insuperable, presentou o espectáculo, introducíunos no argumento. E foron pasando lectores en diversos idiomas; Uxía, Sergio, Constance, Alberto, Bárbara, Dong, Sara, Joana, Bruno, André Luis e Vladimir foron ubicándonos nas paisaxes: Londres, Suez, Adén, Bombai, Hong-Kong, Yokohama, San Francisco, Oakland, Nova Iorque, a costa de Irlanda… Léronnos en francés, inglés, castelán, galego, portugués, chinés, xaponés, ruso. Puxéronnos ante a evidencia de que somos un centro educativo plural, e que nesa pluralidade nos gusta vernos reflectidos.
Quedan na retina as imaxes do alumnado disfrazado para axustarse estrictamente á representación: Héctor estaba glorioso co seu kilt escocés como se dun inmigrante de tal guisa en Nova Iorque se tratase; outros eran xudeus en Suez, vaqueiros no oeste, Alejo levaba un poncho sudamericano espectacular, Amanda era unha india do oeste moi ben caracterizada, había xoves galegas disfrazadas de orientais chinesas dun xeito excelente, Dong deunos un recital vocal cando pasamos por Hong-Kong.
Grazas a todas e todos. Podedes sentir contentos. Fixéstesnos amar a literatura, a música, a oratoria, o teatro, o espectáculo. Demostrastes que ler é gozar, que aprender non está en contra de disfrutar, que cando todos arrimamos o ombreiro as cousas merecen ser repetidas. Así que isto ten que ter continuidade. Porque o talento non debe quedar descansando na casa, hai que facelo público.

Charla do Equipo de Mediación na universidade da Coruña

Charla na UDC
Charla na UDC

O 16 de xaneiro, integrantes do grupo de mediación, os alumnos: Alberto Gómez, Jessica Vilariño, Jennifer Alvarez, Iris Pena e Alexandra Balbás e os profesores Fernando Vidal e Warinca Arce do noso Instituto contaron a súa experiencia a futuros educadores sociais. Foi na facultade de Ciencias da Educación na clase da materia “modelos de educación para a paz e o desenvolvemento”
O motivo central da intervención foi a mellora da convivencia no centro e as súas consecuencias positivas para a aprendizaxe.
O Equipo de mediación, que leva catro anos de andaina, mostrou como as causas da violencia, como saída para a solución dos conflictos, van mudando. Foi identificado o “aburrimento vital” como a orixe principal de determinadas condutas violentas entre os adolescentes na nosa sociedade. Esta afirmación foi confirmada polos resultados dunha enquisa realizada no centro educativo no curso pasado.
Diante desa problemática o equipo de mediación está a desenvolver diversas actuacións, e son:

  • a promoción da aprendizaxe de técnicas de estudo e habilidades sociais nas titorías
  • plan de acollida dos novos alumnos
  • organización de ligas deportivas para dinamizar os recreos
  • o observatorio da convivencia plantexado da man dos delegados
  • a interacción de alumnos dos primeiros anos con exalumnos para enfrontalos co tema das expectativas
  • a mediación na resolución de conflitos.

A esta charla asistiron tamén membros do Instituto Manuel Murguía de Arteixo que poñerán en marcha unha experiencia similar.
A profesora, Cathryn Teasley, e o alumnado presente consideraron moi interesante a comunicación da experiencia e subliñar a necesidade de afondar na democratización escolar en tódolos eidos.

Concurso de inglés

Concurso de Inglés
Concurso de Inglés

Gracias a unha iniciativa do Departamento de Inglés do noso Instituto, levouse a cabo un concurso, do que, a primeira fase realizouse a través de internet. Cada dúas semanas, o Departamento de Inglés poñía na súa páxina un Quiz baseado na procura de respostas ás diferentes preguntas, mediante buscadores como Google. Os participantes sumaban puntos durante os 4 Quiz realizados.

Os meus compañeiros de 3ºB, Noelia Vaamonde, Carlota Golmayo e Francisco Martínez, fixeron carteis nos que lembraban as datas de envío das respostas.

Os 10 alumnos que acadaron maior puntuación pasaron á final que se celebrou na sala de ordenadores do instituto, supervisado polos profesores do departamento. O concurso xerou boas expectativas e os estudantes sentíronse atraídos e decidíronse a concursar, aínda que, como xa se mencionou, só entrarían na final os 10 concursantes coas maiores puntuacións.

Así chegou o día 29 dem Abril no que se levou a cabo a primeira final, e digo a primeira final porque houbo un triplo empate e decidiuse unha segunda final para o desempate, e así se realizou a segunda final o día 6 de maio, e se coñeceu o terceiro posto, non así o primeiro e o segundo, xa que de novo houbo empate. A final definitiva realizaríase o día 13 de maio polo cal no momento de estar escribindo este artigo, aínda non se realizou esa gran final que será distinta as anteriores, xa que se fará por Morte Súbita: o primeiro en fallar quedará en segundo lugar.

Para este concurso, o Departamento contaba con dous premios de 45 euros e 30 euros, para o primeiro e segundo clasificados respectivamente, pero ao producirse ditos empates, o Departamento decidiu engadir un terceiro premio de 20 euros para que o terceiro finalista non quedara sen recoñecemento.

Ao final, a gañadora foi Cristina Núñez de 4ºB de ESO, o segundo lugar ocupouno Marco García de 3ºB de ESO e o terceiro Unai Leceta de 1ºB de Bacharelato. Tamén recibiron un recordo da súa participación -unha película en DVD- os outros sete finalistas: Patricia Varela e Alberto Domínguez de 1º de Bacharelato, Laio Fernández de 2º de ESO, Iris López de 4º de ESO, Lidia Pedreira e Eugenia Medina de 2º de Bacharelato e Gonzalo García de 1º de ESO.

[Texto de Marco Antonio García , 3ºB da ESO]