A mocidade do IES Neira Vilas vén de se organizar, através do incipiente colectivo Galeguiza-T, para promover o uso da lingua galega e rachar os preconceptos artellados arredor dela.
Inseridos no Equipo de Dinamización Lingüística, escolleron como acto de presentación a realización dunha conferencia no Salón de actos do centro ministrada por eles propios para alumnado dos cursos comprendidos entre 3º de Eso e 1º de Bacharelato.
O obxectivo: Tronzar en chave xeracional os estereotipos artellados arredor do uso da lingua.
Teo, Lucas, Marcos, Edu e Danick -de 17 anos- ofreceron un repertorio de recursos audiovisuais sobre os que se posicionaron criticamente: Galego nos medios, galego e audiovisual ou tratamento histórico da identidade galega que culminou cunha análise en chave individual feita por Danick, na que explicou o seu proceso de identificación dos prexuízos.
A resposta do alumnado foi inmediata e, a divulgación de varios vídeos nas redes sociais contribuíron para que outros centros se puxesen en contacto co colectivo, co intuito de convidalos a realizar a palestra nos seus centros.
Así, para este mes de decembro, preparan xa unha nova intervención no IES María Casares. Outros membros do colectivo visitarán, xa en 2020, a escola Valle Inclán para falar co alumnado de 6º de primaria.
O límite márcano eles e elas, e as accións continúan. Permanezan atentas!