O mércores 24 o alumnado de 1º ESO e 1º e 2º Bacharelato tivo o inmenso pracer de asistir á conferencia impartida polo catedrático de Medicina legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo, pioneiro e líder mundial en xenética forense e en xenómica comparada e de poboacións. Actualmente dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de Genotipado-ISCIII (CEGEN), ademais de coordinar o Grupo de Medicina Xenómica da USC, o Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER) e a área de Xenética e Bioloxía de Sistemas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS).
A conferencia achegou os asistentes á Xenética forense e ás súas aplicacións médicas e legais, entre outros moitos aspectos, e plantexou tamén interesantes reflexións sobre a importancia da vocación nos estudos e no traballo e sobre a situación actual e retos futuros das ciencias en xeral e da Medicina en particular. A charla foi seguida dun interesante debate arredor das preguntas plantexadas polo alumnado.
A comunidade educativa do instituto quere agradecer a Ángel Carracedo a súa ponencia maxistral e a súa amabilidade e atención cara ao noso centro.