Arquivo da categoría: Curso 2023-2024

PUNTO VIOLETA DO CONCELLO DE OLEIROS

Con motivo da celebración do Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres o 25N, o pasado venres 24 de novembro o Concello de Oleiros instalou un Punto violeta no noso instituto para achegar ao alumnado información e reflexións sobre as violencias sexuais, o consentimento ou a influencia do porno na adolescencia. Asemade, os grupos de 4º ESO e 1º Bacharelato puideron participar nos obradoiros que sobre estas temáticas foron impartidos ao longo da mañá.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Fotografías realizadas polo Concello de Oleiros.

OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO

Este mes de novembro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º, 2º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo.

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2023

Convócanse a todas as familias socias e invítanse a todas as familias non socias a unha asemblea xeral ordinaria da Asociación de nais e pais do IESP Xosé Neira Vilas.

    • Data: Xoves 14 de decembro de 2023
    • Hora:
      • 18:30 en 1ª convocatoria.
      • 19:00 en 2ª convocatoria.
    • Lugar:   IESP Xosé Neira Vilas.

A continuación achéganse os seguintes documentos (premer en cada un deles para a súa visiluazación ou descarga):

Convocatoria da asemblea cos puntos para tratar nela.

Acta da Asemblea Xeral Ordinaria do ano 2022 para a súa lectura e posterior aprobación na reunión.

Memoria de xestión anual do curso 2022 – 2023.

Esperamos contar coa vosa presenza.

 

 

RENOVACIÓN DO PLAMBE E PARTICIPACIÓN NA XORNADA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2023

O noso centro vén de renovar un curso máis a súa participación no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que nesta ocasión supón a concesión dunha dotación económica de 1.070 € para adquisición de libros para a nosa biblioteca. Toda a información sobre esta convocatoria pódese consultar aquí: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/40171.
Asemade, a pertenza ao Plambe implica formar parte dunha ampla rede de bibliotecas escolares de toda Galicia que colabora en iniciativas comúns, conta co respaldo da Asesoría de Bibliotecas e permite participar en diversas actividades e xornadas formativas, como a Xornada de Bibliotecas Escolares 2023, que tivo lugar este sábado, 18 de novembro, en Santiago de Compostela e á que asistiu a coordinadora da nosa biblioteca, a profesora Vanessa Liñares Vázquez.

PARTICIPACIÓN NO PLAN PROXECTA+ 2023-2024

O noso centro foi seleccionado para participar en dous programas educativos do Plan Proxecta+ para o curso escolar 2023-2024: “Donas de si”, no ámbito da igualdade de xénero e a educación emocional, e “Correspondentes xuvenís”, no ámbito do voluntariado e a alfabetización informacional. As actuacións que se desenvolvan en cada programa ao longo do curso estarán coordinadas polas profesoras Cristina Emilia Novo Hernández e Cristina Vázquez Castro, respectivamente, e contarán coa participación do alumnado e de docentes de diversos departamentos.

A información completa sobre o Plan Proxecta+ pódese consultar na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

REUNIÓN INFORMATIVA PARA FAMILIAS

Co obxectivo de mellorar a comunicación das familias cos distintos membros da comunidade educativa, a coordinación do Plan Dixital do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas decidiu organizar unha reunión informativa co gallo de explicar os servizos que ofrece a plataforma Sixa Familias. Asemade, falarase sobre o uso que o alumnado da ESO pode facer dos portátiles do programa E-Dixgal. 

Esta reunión terá lugar o próximo xoves 9 de novembro ás 16:00 horas no salón de actos do instituto.

INTERCAMBIO CON VANNES

Durante os días 10 e 19 de outubro 13 familias de alumnos e alumnas de 2º BACHIBAC acolleron nas súas casas aos correspondentes franceses de intercambio. A estadía dos visitantes non só se limitou a asistir ás aulas do IES Neira Vilas, senón que tamén houbo ocasión de que anfitrións e hóspedes compartisen agradables momentos de inmersión lingüística fóra do centro.

PROBAS DE ACREDITACIÓN DA COMPETENCIA LINGÜÍSTICA EN LINGUAS ESTRANXEIRAS

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a Resolución do 29 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula a xestión de probas deacreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso 2023/2024.

No noso centro, as probas, que se corresponderán co nivel B1, B2 ou C1 e que se realizarán durante o curso académico 2023/2024, están dirixidas ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e de 4º de ESO, tendo preferencia aquel que curse ensinanzas plurilingües. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira.

A citada resolución prevé a concesión dunha axuda económica por alumno/a para facer fronte aos custos de matrícula das probas de acreditación. A solicitude realízase desde o centro, pero é imprescindible que o alumnado interesado entregue un compromiso de presentación á proba correspondente, asinado polo seu pai, nai ou titor.

O documento co compromiso foi distribuído polo profesorado dos Departamentos de Inglés e Francés ao alumnado nas aulas e debe ser entregado a dito profesorado ou na secretaría do centro ata o venres, 27 de outubro.