CHARLA DE LILA A. GIMÉNEZ BARGIELA SOBRE O BACHIBAC E OS ESTUDOS UNIVERSITARIOS EN FRANCIA

No marco das actividades desenvolvidas con motivo da celebración do 10º Aniversario da implantación do Bachibac no noso instituto, o mércores 30 de outubro tivemos o enorme pracer de contar coa presenza dunha antiga alumna do programa Bachibac, Lila A. Giménez Bargiela, que actualmente cursa o segundo ano de Física na Université Paris-Saclay de Francia. A partir da súa experiencia persoal, Lila explicou ao alumnado de Bachibac de 1º e 2º de Bacharelato, así como ao alumnado plurilingüe de 4º ESO, as características do Bachibac no Neira Vilas e os beneficios que lle supuxo cursar o programa, así como o procedemento de acceso á universidade francesa, os principais recursos dispoñibles para o alumnado que estea pensando en ir a Francia e as vantaxes, dificultades e retos persoais que lle implicou a decisión de ir estudar ao país galo. A comunidade educativa do Neira Vilas quere felicitar a Lila polos logros persoais e académicos que xa leva acadados e que seguirá acadando na súa andaina universitaria e agradécelle enormemente a súa completa, informada e, á vez, emotiva e enriquecedora charla, que espertou o interese do noso alumnado francófono e confirmou os beneficios escolares, culturais e persoais do programa Bachibac.