Do 7 ao 14 de marzo o alumnado de Bachibac de 1º de Bacharelato viaxou á localidade bretona de Vannes para levar a cabo a primeira parte do intercambio co lycée Saint François-Xavier, co que temos establecida unha sólida relación nos últimos catro cursos. Ao longo desa semana, os/as nosos/as alumnos/as asistiron ás clases no centro francés, acompañando aos seus correspondentes, e viviron acollidos polas familias destes.
Asemade, gozaron dunha visita guiada á historia e o patrimonio de Vannes, organizada polo instituto SFX, e realizaron dúas excursións coas que puideron achegarse un pouco máis ao coñecemento da lingua, da cultura e da historia francesas: unha a Nantes, na que coñeceron o castelo dos Duques de Bretaña, a catedral, a arquitectura decimonónica e os formidables enxeños tecnolóxicos das Machines de l’Île inspirados na obra de Jules Verne, e outra a Lorient, onde puideron descubrir desde a Citadelle moderna de Port-Louis, enclave fundamental do comercio de Indias en tempos de Luis XIV, ata as construcións que formaban a gran base de submarinos alemáns da Segunda Guerra Mundial, integrada no chamado “Muro atlántico”.
A comunidade do Neira quere agradecer a sempre amable e entusiasta acollida brindada polo lycée Saint François-Xavier e, en particular, pola profesora Elodie Quidu e o alumnado participante nesta bela experiencia e que agardamos recibir no noso centro a comezos do curso que vén. Merci beaucoup et à bientôt!