CONVOCATORIA DOS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE ESO AO RENDEMENTO ACADÉMICO (PEE) CORRESPONDENTES AO CURSO 2024-2025

O 11 de xuño publicouse no DOG a orde pola que se convocan os premios extraordinarios de ESO ao rendemento académico, destinados ao alumnado que cursase 4º ESO nun centro docente da Comunidade autónoma de Galicia no curso 2024-2025.
Para optar a un dos 20 premios extraordinarios, dotados con 1.000 € cada un, o alumnado interesado deberá, en primeiro lugar, realizar a proba PEE, que se levará a cabo o día 26 de xuño no lugar que se publicará no portal educativo e na páxina Premiosedu (https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/).
Para matricularse na proba PEE o alumnado deberá presentar no instituto o Anexo I debidamente cuberto. O prazo de matrícula está aberto do 12 ao 18 de xuño, ambos inclusive. Aínda que non hai requisito de nota media mínima na ESO para matricularse na proba PEE, para a solicitude do premio extraordinario, en caso de obter unha das vinte mellores cualificacións, si hai un requisito de nota media mínima na ESO de 9 puntos (sen contar a materia de Relixión). Polo tanto, é aconsellable que se matricule na proba só aquel alumnado que teña unha perspectiva realista de acadar esa nota media mínima.
Con posterioridade á realización da proba, unha vez publicadas as cualificacións definitivas da mesma, o alumnado que resultase merecedor dun dos premios deberá formalizar unha solicitude para optar á subvención do premio extraordinario de ESO.
Toda a información sobre a proba PEE, así como o Anexo I para formalizar a matrícula, pode consultarse na páxina web PremiosEdu: https://www.edu.xunta.gal/premiosedu/