REMATE DA PRIMEIRA PARTE DO INTERCAMBIO ERASMUS+ E CELEBRACIÓN DOS ERASMUS DAYS

Este luns 13 de outubro acollemos de novo no noso centro aos tres alumnos, Héctor Alba, Eva Blas e Alba Vieiro, que desde o 14 de setembro se atopaban residindo e acudindo a clases en dous institutos da rexión francesa de Amiens no marco do proxecto Galemundo Acreditación Erasmus Escolar, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.
Desde o seu regreso o noso alumnado compartiu cos seus/súas compañeiros/as de aulas as numerosas e marabillosas experiencias vividas, tanto na aprendizaxe do idioma francés, como no coñecemento da realidade francesa, na visita de numerosos lugares e no gran enriquecemento cultural e persoal que experimentaron. Como mostra, recóllese a continuación unha exposición dalgunhas imaxes cedidas polo alumnado mencionado, que reflicte a súa experiencia no intercambio:

O pase de diapositivas require JavaScript.

De maneira complementaria a esta exposición virtual e como parte da celebración dos Erasmus Days no noso centro, os tres protagonistas do intercambio compartirán a súa experiencia e difundirán os resultados da mesma ao alumnado de 4º ESO nunha charla que impartirán o xoves no Salón de actos do centro ás 12:30 h.

A partir do 25 de outubro e ata o 23 de novembro o alumnado francés correspondente dos nosos tres protagonistas será acollido en Galicia polas súas familias e integrarase nas clases e actividades do noso centro.
A comunidade do Neira Vilas quere expresar o seu agradecemento ao profesorado dos institutos Henri Martin, de Saint-Quentin, e Gay Lussac, de Chauny, así como ás familias dos tres correspondentes do noso alumnado, pola cálida acollida que lles brindaron durante este mes. Tamén quere agradecer á Consellería e, especialmente, á Asesoría de internacionalización os esforzos e traballo realizados para levar a bo porto a primeira parte deste intercambio Erasmus+.

O proxecto “Galemundo Acreditación Erasmus Escolar” está cofinanciado polo programa Erasmus+ da Unión Europea. O contido desta publicación é responsabilidade exclusiva do IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas e nin a Comisión Europea, nin o Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE) son responsables do uso que poida facerse da información aquí difundida.