LABELFRANCEDUCATION para o Neira

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de comunicar  ao noso centro que foi mercedor do LABELFRANCEDUCATION do MINISTERIO DE ASUNTOS EXTERIORES de Francia.

O LabelFrancEducation é unha prestixiosa distinción outorgada en todo o mundo aos centros educativos que  sobresaen  por ofrecer un ensino bilingüe da lingua e a cultura francesas de calidade e excelencia.

Esta acreditación concédese tras unha avaliación externa por parte do Axencia de Ensino do Francés no Estranxeiro (AEFE), que aplica criterios de selección tales como: contar cun equipo de profesorado na súa Sección Plurilingüe altamente cualificado e acreditado, contemplar unha política educativa dun forte compromiso coa xestión de calidade, involucrar ao alumnado en programas internacionais oficiais de idiomas (Bachibac, exames DELF- DALF) ou potenciar, a través de actividades complementarias, o interese e intercambio cultural francófono (intercambios escolares, exposicións, conferencias, asistencia a xornadas Bachibac etc.). Concédese por un período de tres anos, sendo renovable ao termo do mesmo tras unha nova avaliación positiva.

A concesión do selo implica formar parte da rede mundial “Label France Education”, que concede acceso a servizos que reforzan a calidade do ensino, tales como: sesións de formación para o profesorado, apoio económico a proxectos de innovación educativa, intercambios de experiencias entre os responsables dos centros da rede, ou acceso a múltiples recursos online. Dende que este recoñecemento se instituíu, en 2012, acreditáronse 209 centros a nivel mundial dos que ata agora 25 situábanse en España. En breve recibirase a acreditación oficial do noso centro.

Para mais información:

https://www.institutfrancais.es/el-frances-en-espana/labelfranceducation/

Certificación

Deixar unha resposta