Arquivo da categoría: Departamento de Xeografía e Historia

VISITA AO PAZO DE MEIRÁS

O alumnado de 4º ESO visitou o pasado xoves, 30 de abril, o Pazo de Meirás, no veciño concello de Sada. Grazas ás expertas explicacións do noso compañeiro, o historiador Manuel Pérez Lorenzo, gran estudoso do pazo, puidemos coñecer este destacado espazo patrimonial, residencia da gran escritora Emilia Pardo Bazán, e de memoria, sé estival de Franco e centro neurálxico de moitas decisións cruciais e da represión levadas a cabo pola ditadura franquista.

O pase de diapositivas require JavaScript.

ARTURO LEZCANO E O PAÍS INVISIBLE

O xoves 23 de abril o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato puido celebrar o Día do Libro cun invitado de excepción: Arturo Lezcano. O xornalista e escritor falounos da súa recente obra “O país invisible”, gran éxito de crítica e ventas, que achega unha imaxe particular, amena e ricamente documentada sobre a diáspora galega en América entre mediados do século XIX e mediados do XX. Moitísimas grazas a Arturo polas súas sabias verbas e pola invitación a reflexionar sobre a realidade actual desde as experiencias do pasado.

VISITA ÁS TERRAS DO EUME

Os días 27 de febreiro e 9 de marzo o alumnado de 2º ESO disfrutou dunha saída promovida polo Departamento de Xeografía e Historia e organizada polo Concello de Oleiros en colaboración coa CEM dentro do programa de actividades “Un día en Galicia”. Nela tivo a oportunidade de coñecer as Fragas do Eume a través dunha andaina pola súa natureza e o seu patrimonio, así como a vila de Pontedeume.

ARREDOR DA MEMORIA HISTÓRICA: VISITA A MEIRÁS E CERÁMICAS DO CASTRO

Os días 7 e 11 de abril o alumnado de 4º ESO e o de 1º de Bacharelato que cursa a modalidade de Ciencias Sociais e Humanidades visitaron o Pazo de Meirás e o complexo de Cerámicas do Castro-Sargadelos de Sada, nunha saída multidisciplinar organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua galega e Lingua castelá e polo Equipo de Dinamización da lingua galega. Con esta excursión culminaron as diversas actividades e lecturas que se levan desenvolvendo no centro desde o comezo de curso para achegar a este alumnado ao coñecemento da historia máis recente do noso país e dos retos que a memoria histórica segue a plantexar na actualidade.
Moitas grazas a todo o alumnado polo seu interese e moitas grazas tamén ao profesorado participante nesta iniciativa, moi especialmente ao noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo, gran coñecedor da historia da contorna de Sada e Oleiros e guía de excepción no Pazo de Meirás. Moitas grazas, asemade, ao persoal da Fábrica Castro-Sargadelos de Sada pola acollida que nos brindaron nos días que seguiron á conmemoración da figura de Isaac Díaz Pardo, a quen precisamente se lle adicou este ano o Día das Artes Galegas 2025, celebrado o 1 de abril.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Encontro con Eva Mejuto

O pasado 9 de abril, os grupos de 4º da ESO continuaron co proxecto de recuperación da memoria e participaron, na Fábrica de Perillo, nun encontro coa autora da novela A ladroa da biblioteca de Meirás.

Eva Mejuto fixo un percorrido polas personaxes da novela, quen ou que lle deu a clave e a inspiración para a súa creación e desvendou a importancia dos lugares como Meirás nos acontecementos da historia.

A parte da documentación previa a escribir causou bastante impresión, leva moito traballo e poucas veces se fala dela, así como as escollas do multiperspectivismo. Tamén foi moi interesante saber que a presentación do libro do noso profe de historia, Manuel, tivo moito que ver no nacemento desta narración.

Ao final da sesión, Eva Mejuto asinou os exemplares da obra e o alumnado trouxo de volta unha lembranza inesquecible consigo.

O NOSO CENTRO EN “FAI MEMORIA! XORNADA DE FORMACIÓN PARA DOCENTES ARREDOR DA MEMORIA HISTÓRICA”

Este sábado, 18 de xaneiro, celebrouse no Centro sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela a xornada “Fai memoria!”, organizada pola Deputación da Coruña e dirixida por Eva Mejuto, coa intención de crear un foro de reflexión e posta en común de experiencias arredor da memoria histórica e o seu traballo nas aulas dos centros educativos.
O noso instituto estivo dobremente representado nesta xornada. Por un lado, a xefa de estudos e profesora de Xeografía e Historia, Mercedes López-Mayán, participou na mesa de experiencias de memoria nas aulas presentando os numerosos proxectos e iniciativas que arredor da memoria se teñen desenvolvido no noso centro nos últimos anos. Por outro lado, a coordinadora do Equipo de dinamización lingüística e profesora de Lingua galega e literatura, Eli Ríos, presentou as unidades didácticas que elaborou xunto coa Beatriz Maceda arredor do material da exposición “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”, organizada pola Deputación da Coruña e comisariada por Montse Fajardo. Tanto a exposición como as unidades didácticas poden consultarse neste enlace: https://www.dacoruna.gal/cultura/sinaladas/
Máis información sobre a xornada pode verse nos seguintes enlaces:
e

O ESCRITOR ERIC DOPAZO ACHEGOUSE AO NOSO CENTRO PARA UNS ENCONTROS MOI ESPECIAIS

O 19 de decembro de 2024 comezou a mañá coa charla Diversidade para todes na que reflexionamos sobre os nosos referentes da música ou da lectura, por exemplo, e démoslle un par de voltas a que nos trasmite esta sociedade respecto dos valores de igualdade. Seguir lendo O ESCRITOR ERIC DOPAZO ACHEGOUSE AO NOSO CENTRO PARA UNS ENCONTROS MOI ESPECIAIS

SAMAÍN E MAGOSTO NO NEIRA VILAS

Despois dun mes de organización, planificación, probas e máis probas… chegou o Samaín!

Por unha parte, os grupos de terceiro da ESO coordinan a decoración do centro e preparan o Túnel do Terror, e, por outra, o Magosto e os Xogos Populares dos que gozaremos na festa despois do segundo tempo de lecer. Seguir lendo SAMAÍN E MAGOSTO NO NEIRA VILAS

VISITA DO ALUMNADO DE VANNES NO INICIO DO DÉCIMO ANIVERSARIO DA IMPLANTACIÓN DO BACHIBAC NO NOSO INSTITUTO

Desde este xoves 10 de outubro ata o vindeiro día 18 temos o pracer de recibir no noso centro ao alumnado do Lycée Saint-François-Xavier de Vannes (Bretaña, Francia), co que iniciamos o intercambio dos/as nosos/as estudantes de Bachibac 1 o pasado mes de febreiro. Durante a súa estadía, destinada a mellorar a súa competencia en castelán e o seu coñecemento da cultura galega e española, o alumnado francés asistirá a clases no instituto, realizará diversas excursións e actividades culturais e residirá coas familias dos/as seus/súas correspondentes galegos.

Desta volta estamos dobremente felices de seguir colaborando co Lycée Saint-François-Xavier e coa coordinadora deste intercambio, a profesora Elodie Quidu, porque esta visita inaugura a celebración do Décimo aniversario da implantación do programa Bachibac no noso instituto, que tivo lugar no curso 2014-2015 e que seguiremos festexando ao longo deste ano académico.