A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa vén de publicar a resolución definitiva das axudas a centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades para a realización de probas de acreditación da competencia en linguas estranxeiras para o alumnado que curse estudos durante o curso 2023/2024.
O noso instituto resultou beneficiario dunha achega total de 4.700€ destinados a financiar as probas de acreditación da competencia lingüística en Inglés e Francés por parte de alumnado de 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato a razón de 100€ por alumno/a.
De acordo coa convocatoria que regula estas axudas, dado que a dotación económica outorgada é insuficiente para cubrir todas as demandas do alumnado interesado, é preciso aplicar, xunto aos criterios de distribución establecidos na propia resolución, os criterios de selección informados no Claustro do 25 de outubro de 2022 e aprobados no Consello escolar desa mesma data. Ditos criterios establecen que, en caso de que as axudas concedidas sexan insuficientes para todo o alumnado que entregou o compromiso de presentación ás probas de acreditación lingüística, ditas axudas concederanse en primeiro lugar ao alumnado que o curso anterior acadara maior nota na materia do idioma ao que se quere presentar e, en caso de empate, concederanse ao alumnado con maior nota media no curso anterior. Nesta semana levarase a cabo no centro unha reunión co alumnado interesado para realizar a selección correspondente.
A información completa sobre estas axudas pode consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42025
Con respecto ás probas, no caso do francés as datas dos exames do DELF Scolaire B1 e B2 e do DALF C1 están publicadas na web da Alliance Française: https://afcoruna.com/examenes-oficiales/. No caso do inglés, o alumnado será informado proximamente polo Departamento correspondente das datas das probas. Nos dous casos, desde o centro informarase asemade ao alumnado do procedemento e prazos de matrícula.