VISITA DO ALUMNADO DE VANNES NO INICIO DO DÉCIMO ANIVERSARIO DA IMPLANTACIÓN DO BACHIBAC NO NOSO INSTITUTO

Desde este xoves 10 de outubro ata o vindeiro día 18 temos o pracer de recibir no noso centro ao alumnado do Lycée Saint-François-Xavier de Vannes (Bretaña, Francia), co que iniciamos o intercambio dos/as nosos/as estudantes de Bachibac 1 o pasado mes de febreiro. Durante a súa estadía, destinada a mellorar a súa competencia en castelán e o seu coñecemento da cultura galega e española, o alumnado francés asistirá a clases no instituto, realizará diversas excursións e actividades culturais e residirá coas familias dos/as seus/súas correspondentes galegos.

Desta volta estamos dobremente felices de seguir colaborando co Lycée Saint-François-Xavier e coa coordinadora deste intercambio, a profesora Elodie Quidu, porque esta visita inaugura a celebración do Décimo aniversario da implantación do programa Bachibac no noso instituto, que tivo lugar no curso 2014-2015 e que seguiremos festexando ao longo deste ano académico.