Chega o día, chega a romaría… Xa é o Día de Rosalía! Se hai unha conmemoración especial no IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas, ese é o Día de Rosalía de Castro! E non hai mellor maneira de celebrar que mergullando nos seus textos!
O alumnado de Bacharelato seguiu a proposta da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega e agasallou unha flor ás persoas do centro porque “Nasín cando as prantas nasen,/ no mes das froles nasín…”
Os versos rosalianos continuaron a contarnos moitas historias a través da arquitectura, mercadotecnia, etc, que hoxe en día nos arrodea (4º ESO) así como das interpretacións visuais que o alumnado fixo dos poemas de Cantares gallegos e de Follas Novas (3º ESO). Este último curso debullou e desenvolveu toda unha serie de xogos que puxeron en marcha nos recreos e resultaron un auténtico divertimento non só para a rapazada senón tamén para o profesorado.
A voz poética correu a cargo do alumnado de segundo da ESO que realizou un marabilloso recital en que o ritmo e a emoción nos cativaron e que encheu de público o salón de actos.
Complementou todo este festexo, a exposición realizada polo alumnado de 1º da ESO en que se iluminaron poemas e se fixeron bandas deseñadas arredor da vida e obra de Rosalía de Castro.
E co corazón contento e inzadiño de poesía despedimos esta fascinante celebración cos seus versos prendidos na memoria ata o ano próximo.