O 26 de abril o alumnado de Oratoria de 4º ESO participou nas actividades organizadas polo Concello de Oleiros para celebrar o Día do Libro cunha representación teatral que deu vida e voz a dous poemas senlleiros de Rosalía de Castro. Cun cheo total na zona habilitada no Parque José Martí e baixo a dirección da profesora Eli Ríos, a función transitou entre o humor e o drama para traer ao presente dúas obras da literatura universal e mostrar o talento e a implicación da nosa xuventude. Noraboa a todas e todos!
Arquivo da categoría: Departamento de Lingua Galega
Fogóns poéticos
BEGOÑA CAAMAÑO E A REESCRITURA DO MITO
Grazas ao Servizo de Dinamización Lingüística do Concello de Oleiros, os grupos de 2º de Bacharelato puideron gozar o pasado 16 de abril dun revelador obradoiro sobre Begoña Caamaño. Antía Otero impartiu esta actividade ilustrativa non só da escrita da autora a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2026, senón que tamén nos levou de viaxe polos territorios gregos, por Ítaca ou por Eea. Ademais, achegámonos a Avalon da man de Morgana e, por último, e máis relevante tomamos a man de Circe e de Penélope e experimentamos a escrita sorora cos nosos bolis. Rematamos esta xornada e levamos na nosa cabeza o convencemento de que nós “tamén navegar”!
OBRADOIRO DE POESÍA UNIVERSAL CONTEMPORÁNEA
Grazas ao marabilloso labor do persoal de Bibliotecas de Oleiros, o alumnado de 2º de Bacharelato puido asistir o 24 de marzo a un encontro extraordinario coa escritora Yolanda Castaño. Nel, a autora fixo un percorrido polas creacións poéticas universais e escoitamos poemas orixinarios doutras linguas, doutras realidades e doutros espazos que teñen todo a ver connosco e coa creación galega. Así, achegámonos a obras de autoras como Idea Vilariño, Alejandra Pizarnik, Wisława Szymborska, Jose Luís Peixoto, Margaret Atwood, Jorge Luis Borges ou Sharon Olds, entre outras.
OBRADOIRO “MEIGALLO GRÁFICO” EN RIALEDA
Os días 3 e 4 de marzo o alumnado de 1º e 2º ESO asistiu ao obradoiro “Meigallo gráfico”, impartido polo ilustrador Miguel Cuba. Grazas ao seu labor e ao das Bibliotecas de Oleiros, puidemos viaxar a terras de Xapón, Dinamarca e lugares impronuncialbes para descubrir que compartimos unha riquísima mitoloxía! As nosas cabeciñas enchéronse de lamias, tardos e gatipedros para animar a nosa imaxinación. Aquí vos deixamos algunha das criaturas mitolóxicas que creamos!
3º ESO A e B visitan Padrón
VISITA Á BIBLIOTECA RIALEDA
3º ESO C Visita Padrón
MANUEL NÚÑEZ SINGALA E A OPORTUNIDADE DA LINGUA GALEGA
O mércores 21 de xaneiro o alumnado de 4º ESO tivo o pracer de asistir á charla “A lingua galega: unha oportunidade”, impartida polo escritor e director do Servizo de Normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Núñez Singala e organizada polo Servizo de Normalización lingüística do Concello de Oleiros en colaboración co Equipo de Dinamización da lingua galega do noso instituto. A través das súas amenas verbas, cheas de historias, sorpresas e xiros inesperados, Manuel fíxonos reflexionar sobre a situación da lingua galega, sobre o que nos condiciona como falantes e sobre a oportunidade e riqueza que supón o noso patrimonio lingüístico e cultural.
Nadal saudable
O alumnado de 2º ESO e o Departamento de Lingua Galega, dentro da programación da materia Proxecto Competencial, xunto co Equipo de Dinamización da Lingua Galega animaron a comunidade educativa do noso centro para gozar dun Nadal saudable.
