O pasado 12 de marzo as alumnas e os alumnos de 4º ESO gozamos da sabedoría entusiasta que nos transmitiu Yolanda Castaño no obradoiro “Muller, escritora, en galego… e polo mundo!” nas Torres de Santa Cruz.
Desde a súa alma de poeta soubo transmitirnos esa cativadora atracción pola poesía dende ben nova cando escoitaba os versos que a voz grosa, forte e ousada de Gloria Fuertes a levaron a mergullarse nun mundo no que ela ía pasar de ser admiradora a ser admirada e do que nunca máis querería saír.
Da man da súa familia e das súas referentes, principalmente Rosalía de Castro, Yolanda Castaño non deixou de dar pasos.
Como ese primeiro paso de 3ºA a 3ºB que, cheo de medo, a preparou para todos os seguintes, xa nunca máis con medo pero si con moitos atrancos no camiño. Con dedicación, esforzo e moito traballo alcanzou as súas metas e puido compartir todo o que ela sente e é por todo o mundo.
Quen diría que unha mozo co desexo adolescente de conseguir un pantalón caro de coiro chegaría ao corazón e ao sentir de tantas persoas!
Esperemos que volvamos atoparnos con moitos suxeitos pensantes como ela se define e que, desde o seu proxecto máis persoal e querido, siga enchendo as mentes dos que se achegan á forza da palabra con letras, pensamentos, soños e desexos de todas as poetas que dende o corazón da Coruña espallan as súas creacións e o seu traballo ao mundo.
Grazas polos sentidos e inspiradores versos de Mazás do xardín de Tolstoi…