Os días 7 e 11 de abril o alumnado de 4º ESO e o de 1º de Bacharelato que cursa a modalidade de Ciencias Sociais e Humanidades visitaron o Pazo de Meirás e o complexo de Cerámicas do Castro-Sargadelos de Sada, nunha saída multidisciplinar organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua galega e Lingua castelá e polo Equipo de Dinamización da lingua galega. Con esta excursión culminaron as diversas actividades e lecturas que se levan desenvolvendo no centro desde o comezo de curso para achegar a este alumnado ao coñecemento da historia máis recente do noso país e dos retos que a memoria histórica segue a plantexar na actualidade.
Moitas grazas a todo o alumnado polo seu interese e moitas grazas tamén ao profesorado participante nesta iniciativa, moi especialmente ao noso compañeiro Manuel Pérez Lorenzo, gran coñecedor da historia da contorna de Sada e Oleiros e guía de excepción no Pazo de Meirás. Moitas grazas, asemade, ao persoal da Fábrica Castro-Sargadelos de Sada pola acollida que nos brindaron nos días que seguiron á conmemoración da figura de Isaac Díaz Pardo, a quen precisamente se lle adicou este ano o Día das Artes Galegas 2025, celebrado o 1 de abril.