A TERRA CHÁ, DA MAN DE MANUEL MARÍA

TerraCha01

 

Os grupos de 2º de ESO viviron os días 3 e 4 de marzo unha xornada pola Terra Chá dentro do programa Un día en Galicia do Servizo Municipal de Educación do Concello de Oleiros.

A actividade incluía a visita á Casa Museo de Manuel María en Outeiro de Rei, unha pequena ruta pola Reserva da Biosfera Terras do Miño, un itinerario ornitolóxico pola lagoa de Cospeito e un achegamento ao Miradoiro de Penas de Rodas. Este programa inicial tivo que adaptarse ás adversas condicións metereolóxica, algo de chuvia no primeiro día e continua o segundo, e por iso o día 3 non se fixo o itinerario ornitolóxico e o día 4 non foi posible acometer a ruta pola Reserva da Biosfera que foi substituida por unha visita a oleiría de Bonxe.

As xornadas realizáronse a iniciativa dos Departamentos de Bioloxía e Galego co obxectivo de aproximar ao alumnado a un espazo de gran valor ambiental, paisaxístico, artístico e etnográfico á vez que se achegaba á figura de Manuel María, poeta que protagoniza a celebración das Letras Galegas deste ano.

O alumnado participante na actividade nos dous días estivo fortemente implicado nas distintos contidos, seguindo con sumo interés todas as explicacións que se lles daba e realizando os traballos de observación prantexados polo que, ao remate da actividade, foron felicitados polo profesorado acompañante que tamén agradeceu a colaboración do persoal da Casa Museo de Manuel María e a dos dous técnicos en educación ambiental do colectivo CEM que presta servizo para a Concellería de Ensino e Xuventude de Oleiros.

Deixar unha resposta