Serra do Courel

O pase de diapositivas require JavaScript.

Os días  7,8 e 9 de abril, alumnado de 1º ESO participou na actividade organizada polo Concello de Oleiros “Aprendemos da natureza – Serra do Courel”. Estiveron acompañados por monitores e dous profesores do instituto, Pablo Gallego e Samuel Rodríquez. O seguinte texto, elaborado por eles, resume esta estadía:

“Os alumnos e alumnas de 1ºESO puideron desfrutar durante tres días de todos os tesouros naturais, históricos e etnográficos que a serra do Courel garda entre os seus vales e montañas.

O mércores pola mañá visitamos o Museo Xeolóxico e o Museo Etnográfico, algúns rapaces sorprendéronse do realismo da recreación de Elba, unha das primeiras poboadoras de Galicia. Comemos en plena ruta, preto do Río Lor, e coñecimos a “Xan do Vilar”, ferreiro, músico e divulgador das tradicións do Courel.

Ao día seguinte percorremos a devesa da Rogueira, un bosque que destaca en Europa pola súa biodiversidade. Máis tarde, na aldea de Parada, os nenos e as nenas fixeron unha pequena investigación sobre a fala do Courel. A última noite non faltaron bailes, xogos e cantares sempre cumprindo coas medidas de prevención.

Para rematar, o xoves fixemos a ruta do Río Pequeno, que pasa por unha bonita fervenza. Á volta, paramos na Aldea do Cebreiro, onde visitaron o santuario e compraron algún recordo.

Os rapaces e as rapazas cumpriron de xeito sobresaliente con todos os protocolos (aforos, máscaras, quendas de comida…), aprenderon un montón de cousas novas e, sobre todo, divertíronse na natureza entre amigos e amigas”.