Continúa o Intercambio Lingüístico e Cultural co IES Perdouro de Burela e chega a quenda de coñecer esta vila mariñeira!

O alumnado de segundo da ESO do noso instituto foi recibido no centro educativo de Burela polas persoas coas que xa levan seis meses escribíndose no marco do intercambio organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, co apoio do Departamento de Lingua Galega e Literatura.

O profesorado do IES Perdouro achegounos un chisquiño á historia da vila para, a continuación, acompañarnos ata o Barco Museo Boniteiro. Alí aprendemos as diversas artes de pesca e coñecemos in situ as condicións, durísimas, da pesca do bonito. De alí, encamiñámonos cara a Capitanía Marítima. Alí recibiunos o noso “veciño” de Mera, Jaime Aguado, o Capitán Marítimo, quen cunha xenerosidade inmensa nos deu unha master class sobre seguridade marítima difícil de esquecer.

Recuperamos algo de forzas para achegarnos á cetárea e, despois, encamiñarnos cara o Concello. Alí acolleunos o tenente de alcalde que nos fixo a vida un chisquiño máis doce cunhas lembranzas que trouxemos para as nosas casas.

E, sen dúbida, a parte que máis nos gustou foi a de convivencia durante a comida e na visita á vila coas nosas compañeiras e compañeiros. Poder coñecer o lugar en que viven, xogan e estudan e compartir un tempo de lecer é unha actividade que nos encantaría repetir! Aquí vos deixamos unhas imaxes para que vexades que ben o pasamos!