Arquivo da categoría: Biblioteca

As avoas contan

O 5 de marzo celebrouse no instituto un encontro emotivo e dos que non se esquecen. Foi unha homenaxe ás mulleres traballadoras e tivo por protagonistas ao alumnado de primeiro de ESO e catro avoas.

Durante dúas horas o alumnado e profesorado escoitamos falar da vida cunha intensidade conmovedora. Foi unha lección maxistral de como abordar, da maneira máis sinxela, grandes temas complexos como o alcolismo e a súa influenza na familia, a seguridade vial, a necesidade de unirse para cambiar situacións e salvar vidas, a educación e o coñecemento como camiño para ser libres, na escola e mais tamén ao longo de toda a vida. Caer e volver a levantarse, sempre, outra vez.

Ao día seguinte fíxose a valoración. Unha alumna dixo: “Cando rematou o acto eu o que tiña era moitas ganas de abrazalas”. Mirei a reacción do grupo. Na atmosfera estaba un mesmo sentimento. A clase asentía de xeito unánime.

Grazas infindas avoas: Jeanne Picard, Josefa Fernández Costas, Manuela Fernández Leis e Aurora Roel Muñiz.

Manuela e Aurora estiveron representadas polos seus netos Iago Ruibal Lago e Daniel Sánchez Mosquera de 4ª de ESO. Oradores capaces de transmitir os seus sentimentos, amenos e simpáticos que fixeron da dura vida das súas avoas un conto cheo de humor.

A vós, Iago e Daniel, tamén moitas grazas.

#Igualágrimas

10 de decembro de 2014. Salón de Actos do IESP Xosé Neira Vilas. O Día Internacional dos Dereitos Humáns conmemórase no noso centro educativo cunha lembranza cara aos ¿desaparecidos? de Ayotzinapa -unha escola de mestres de Iguala-, México, hai meses. As primeiras análises de restos humanos dun vertedoiro conclúen que un dos 43 foi atopado alí.

O curso académico anterior, varios alumnos mexicanos -todos eles futbolistas de pro- estiveron connosco. Por iso esta é unha ocasión para lembralos na distancia, igual que eles nos lembran a nós. E aí está Sergio co seu contrabaixo; están Antón e Rodrigo evocando a Lennon, a Pink Floyd; velaí está o alumnado de 1º ESO pregoando o dereito á educación de todos os seres humáns; velaí as nosas lembranzas neste día, con poemas dun mexicano ilustre como Octavio Paz (lidos por Daniel, Iago, Orleni e Sara), e alocucións incluídas. #Igualágrimas é unha performance coa intención de que lembremos que hai moitos xeitos de aprender. Grazas a tod@s por facela posible, en especial grazas a Isabel e Fernando!