Arquivos da etiqueta: Servizo de Normalización do Concello de Oleiros

Encontro con Eva Mejuto

O pasado 9 de abril, os grupos de 4º da ESO continuaron co proxecto de recuperación da memoria e participaron, na Fábrica de Perillo, nun encontro coa autora da novela A ladroa da biblioteca de Meirás.

Eva Mejuto fixo un percorrido polas personaxes da novela, quen ou que lle deu a clave e a inspiración para a súa creación e desvendou a importancia dos lugares como Meirás nos acontecementos da historia.

A parte da documentación previa a escribir causou bastante impresión, leva moito traballo e poucas veces se fala dela, así como as escollas do multiperspectivismo. Tamén foi moi interesante saber que a presentación do libro do noso profe de historia, Manuel, tivo moito que ver no nacemento desta narración.

Ao final da sesión, Eva Mejuto asinou os exemplares da obra e o alumnado trouxo de volta unha lembranza inesquecible consigo.

Festival Boca Chea con Celso Fernández Sanmartín

Grazas ao Servizo de Normalización do Concello de Oleiros, os grupos de terceiro da ESO puideron asistir a unha contada feita por Celso Fernández Sanmartín no salón de actos do noso centro.

Comezou o contador expoñendo as orixes do seu interés pola literatura de transmisión oral, para, a continuación, destacar a importancia dos nosos contos populares en todo o mundo. Seguimos as aventuras compostelanas sen perder de vista os consellos da avoa do autro. E todo isto entre conto e conto e cando nos quixemos decatar… tocou o timbre! Soubo ben a pouco e quedamos con ganas de saber máis así que faremos o que nos recomendou Celso: aproveitaremos o que aprendemos en Sopa de pedra para viaxar moi, moi, moi lonxe!

De coplas e versos

De coplas e versos. A poesía no cancioneiro popular galego é desas actividades que cambian a cor do día xa que Apiario, na palabra de Antía Otero, converteu a mañá nunha copla que uniu o pasado, o presente e o futuro.

O alumnado de primeiro de bacharelato, en dúas sesións inesquecibles, participou na proposta de achegarse á riqueza da literatura de tradición oral desde diferentes recursos e músicas, pero o máis sorprendente foi a creación colectiva e o recital en que puxeron en común as propias creacións. E o certo é que a escrita está de parabéns con esta rapazada que supón o futuro das Letras Galegas!

TEATRO “ARTE SEN GUIÓN”

No Día da Lingua Materna, 21 de febreiro, o alumnado de 1º de Bacharelato acudiu ao Auditorio Gabriel García Márquez, en Mera, para gozar dunha especulación improvisada feita pola compañía Galeatro.

O alumnado foi protagonista e encheron as partes incompletas dun estraño códice medieval que axudou a que as catro persoas comediantes puidesen representar os seus entremeses. A música, a improvisación e o oficio da escrita fixeron que esta posta en escena estivese arrodeada de risas porque a Idade Media tamén pode ser moi, moi, moi divertida!

Festival Falando a Boca Chea

O pase de diapositivas require JavaScript.

O Festival Falando a Boca Chea inicia unha nova edición e grazas ao SNL do Concello de Oleiros, o alumnado de 2º da ESO participa deste encontro de narración oral que nace en 2017 e que, cada ano, medra máis e máis.

Nesta ocasión, o venres 7 de febreiro o improvisador Josiño da Teixeira fixo un percorrido pola historia dos brindos e as regueifas que nos deixou de boca aberta. Que impresión coñecer as conexións que nos unen a Cuba, a Portugal ou ao País Vasco entre moitas outras culturas! Nin que dicir ten que nós tamén queriamos formar parte desta historia e aló nos botamos a regueifar seguindo as indicacións de Josiño da Teixeira! Seguir lendo Festival Falando a Boca Chea