Despois dunha semana intensa en que os mandados do Meco aledaron o noso instituto, chegou, por fin!, o día da celebración do Entroido.
Comezamos cedo aprendendo todiño sobre o amoado, como transformalo en filloas e, sobre todo, devoramos máis de setecentas!
No recreo brincamos cos xogos e propostas que nos fixeron as persoas de terceiro da ESO e corremos moito para escapar dos Farrumecos de Xunqueira de Ambía. Pero non foi este o único entroido tradicional que recuperamos, non… No concurso de portas de entroido reproducíronse pantallas, cigarróns, peliqueiros e ata o Touro Xigante de Celavente.
O máis esperado do Entroido son sempre os testamentos e este ano non ía ser menos. Desde o alumnado de primeiro ata o de cuarto da ESO as coplas cheas de retranca voaron no patio para provocar unha boa morea de risas. Ata a profe de galego se animou cos testamentos! O peor disto é que agora temos que esperar outro ano polos seguintes. Aproveitade para ir afiando os lapis!
Rematamos a festa cun divertidísimo desfile de Piratullas, Farrumecos, xogadoras de fútbol, presentadoras de televisión, casamentos, Minions, artistas dos anos 20 do século XX, animais, cociñeiras e personaxes de debuxos, etc E non podemos esquecer o dificilísimo traballo que tivo o xurado para decidir porque todos os disfraces foron espectaculares!
E coa ansia de repetir… comezamos a conta cara atrás para o próximo entroido!