Todolos artigos de: xefatura

OBRADOIROS DE TÉCNICAS DE ESTUDO

O martes 11 de febreiro comezaron a desenvolverse no noso centro os obradoiros de técnicas de estudo, dirixidos ao alumnado de 1º e 3º ESO e organizados e sufragados, como en cursos anteriores, pola ANPA Arce. As sesións, que se prolongarán ata mediados de marzo, son impartidas por Belén Pérez Sanmartín, especialista en técnicas de estudo e pedagoga en “Eleeméntal. Logopedia y Pedagogía”, situado en Perillo. O seu obxectivo é contribuír a dotar ao alumnado das ferramentas precisas para organizar o seu traballo, xestionar o tempo e desenvolver estratexias que permitan mellorar o seu estudo. Para iso, cada grupo traballará nos diversos contidos destes obradoiros durante catro sesións.

CALENDARIOS DE FINAL DE CURSO E INSTRUCIÓNS PARA A RECLAMACIÓN ÁS CUALIFICACIÓNS FINAIS

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou a Instrución 2/2025 pola que se concretan prazos e aspectos do procedemento para as reclamacións finais nas etapas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato para o curso 2024/25 (https://www.edu.xunta.gal/portal/node/45674).
De acordo con esta instrución e coas normas de organización, funcionamento e convivencia do centro, establécense os seguintes calendarios de final de curso:
– Para 2º Bacharelato.
– Para a ESO e 1º Bacharelato.

O NOSO CENTRO EN “FAI MEMORIA! XORNADA DE FORMACIÓN PARA DOCENTES ARREDOR DA MEMORIA HISTÓRICA”

Este sábado, 18 de xaneiro, celebrouse no Centro sociocultural Maruxa e Coralia de Santiago de Compostela a xornada “Fai memoria!”, organizada pola Deputación da Coruña e dirixida por Eva Mejuto, coa intención de crear un foro de reflexión e posta en común de experiencias arredor da memoria histórica e o seu traballo nas aulas dos centros educativos.
O noso instituto estivo dobremente representado nesta xornada. Por un lado, a xefa de estudos e profesora de Xeografía e Historia, Mercedes López-Mayán, participou na mesa de experiencias de memoria nas aulas presentando os numerosos proxectos e iniciativas que arredor da memoria se teñen desenvolvido no noso centro nos últimos anos. Por outro lado, a coordinadora do Equipo de dinamización lingüística e profesora de Lingua galega e literatura, Eli Ríos, presentou as unidades didácticas que elaborou xunto coa Beatriz Maceda arredor do material da exposición “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”, organizada pola Deputación da Coruña e comisariada por Montse Fajardo. Tanto a exposición como as unidades didácticas poden consultarse neste enlace: https://www.dacoruna.gal/cultura/sinaladas/
Máis información sobre a xornada pode verse nos seguintes enlaces:
e

A DIRECTORA DE ORDENACIÓN E INNOVACIÓN EDUCATIVA VISITOU O NOSO CENTRO PARA COÑECER MÁIS DE PRETO O PROGRAMA BACHIBAC E O SEU PROFESORADO E ALUMNADO

O mércores, 15 de xaneiro, tivemos o enorme pracer de recibir a visita da Directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, acompañada da responsable de Edulinguas, María Jesús Lorenzana, que se interesaron polo funcionamento e retos do programa Bachibac no décimo aniversario da súa implantación no noso instituto.
A nova máis detallada pode consultarse no seguinte enlace: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/45550

La Voz de Galicia tamén se fixo eco desta visita; a nova completa pódese consultar aquí: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2025/01/16/ies-neira-vilas-oleiros-unico-galicia-obtiene-titulo-frances/0003_202501H16C6992.htm

PARTICIPACIÓN EN EDUEXCHANGES E REUNIÓN INFORMATIVA SOBRE O INTERCAMBIO DE BACHIBAC 1

Un curso máis o noso centro resultou seleccionado para participar no Programa EduExchanges de intercambio presencial de alumnado con centros educativos doutros países durante o curso 2024/2025, segundo se recolle no portal da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/43431.
A axuda económica concedida ao abeiro deste programa, enmarcado na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, destinarase a financiar o intercambio do alumnado de 1º de Bacharelato que cursa o programa Bachibac co Lycée Saint François-Xavier de Vannes (Bretaña). Dito intercambio terá lugar do 6 ao 14 de marzo.
Este xoves, 16 de xaneiro, ás 18:00 h., celebrarase no centro unha reunión coas familias do alumnado implicado para informar de todas as cuestións relativas á organización do intercambio-

CONSTITUCIÓN DO NOVO CONSELLO ESCOLAR

Este luns 2 de decembro quedou constituído o novo Consello escolar do centro, de acordo cos resultados das eleccións que se celebraron o pasado 19 de novembro. A súa composición queda como segue:
Presidente:
Agustín Fernández Gago
Secretaria:
Ana María López Martínez
Xefa de estudos:
Mercedes López-Mayán Navarrete
Representantes do profesorado:
– Rubén Acuña Fernández
– David Amboage López
– María José Deive Rejo
– Laura Fernández Villarino
– Ana María García Calvo
– María Elena García García
– Xurxo Taxes díaz
Representante da ANPA:
Rosario López Amor
Representante dos pais e nais:
Lucía Seoane López
Representantes do alumnado:
– Yago Ben Herrero-Rincón
– Xoel Berdeal Trasancos
– Selena López Oliveira
– Sofía Pardo Paradela
Representante do persoal de administración e servizos:
María Begoña Cernadas Astray
Representante do Concello de Oleiros:
María José Santos Zas

EXPOSICIÓN CONMEMORATIVA DO DÉCIMO ANIVERSARIO DO BACHIBAC

Seguimos celebrando o décimo aniversario da implantación do Bachibac no Neira Vilas, desta volta cunha exposición que fai un percorrido polas dez promocións Bachibac do noso instituto, algunhas das notas de prensa sobre o programa e unha selección de fotografías dos intercambios e actividades desenvoltas nestes anos. A mostra complétase cos letreiros elaborados polo alumnado de 1º de Bacharelato que comezou este ano o Bachibac e formará a undécima promoción, así como coas propostas de logotipo conmemorativo que están sendo confeccionadas polo alumnado de Deseño de 2º Bacharelato.
A exposición atópase na entrada do instituto e poderase ver ao longo de todo o curso.

MERCEDES DOPICO CAÍNZOS, IN MEMORIAM

A comunidade educativa do Neira Vilas lamenta profundamente o pasamento da profesora de Inglés Mercedes Dopico Caínzos. A través destas verbas queremos expresar o noso agradecemento sinceiro por tantos anos de dedicación a este centro, no que deu clase desde a súa creación a tantas xeracións de veciños e veciñas de Perillo e a súa contorna. O seu compañeirismo e a súa profesionalidade cara ao alumnado, cara ao equipo docente e non docente e cara ás familias deixan unha fonda pegada e definen o seu legado, que quedará sempre nos nosos corazóns e no noso instituto. Thank you very much, Mercedes!